A campaña "Está na túa man, pecha a billa cando toca" ten como obxectivo concienciar aos veciños e anticiparse ás situacións de seca
O Concello de Sanxenxo e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, fomentan o consumo responsable de auga coa campaña "Está na túa man, pecha a billa cando toca". O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso adecuado dos recursos e anticiparse ás situacións de seca da época estival.
Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes sociais de ambas as entidades.
A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para os meses de xullo e agosto teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é importante realizar un consumo eficiente da auga potable.
Actualmente, a capacidade dos encoros da comunidade aínda presenta boas porcentaxes, pero o descenso é continuo. Na Confederación Hidrográfica Miño-Sil a reserva hídrica atópase nun 58 % e en Galicia-Costa nun 76,5 %.
Esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de bañarse, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.
Tamén hai que ter precaución con actividades típicas desta época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que se marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.
Espina & Delfín é o principal grupo galego que se ocupa do ciclo integral da auga, sector no que presta asistencia técnica, deseña, fabrica, constrúe e mantén infraestruturas diversas; á vez que xestiona servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Como Sanxenxo, multitude de concellos de Galicia e empresas públicas e privadas confían en Espina & Delfín. A empresa tamén opera no mercado internacional.