A actual praza ten unha superficie de 4.011 m2 mal aproveitados pola existencia de barreiras físicas que prexudican o seu uso.
O goberno xa dispón do proxecto para a humanización da praza de Vilalonga que contempla unha profunda mellora deste espazo e que está valorado en 785.137€. A intención do executivo é licitar as obras nos próximos meses para o que se reserva unha partida de 100.000€, suficiente para as obras que dará tempo a facer este ano, o resto financiarase con cargo ao orzamento de 2022.
A praza incrementará o seu espazo útil pasando dos 4.011 m2 actuais aos 5.280 m2 pola ampliación de espazos tanto polo lado da estrada PO-505 como do campo de futbol. Tan importante como a súa ampliación é a súa ordenación para converter a praza nun espazo máis uniforme, suprimindo as barreiras físicas que agora limitan o seu uso. Para Telmo Martín "a transformación deste espazo e a mellora da zona de O Revel suporá un antes e un despois na calidade de vida dos veciños de Vilalonga"
Obxectivos da humanización:
- Humanizar o espazo, ampliando as beirarrúas polo lado do campo de futbol e a PO-505, que pasase a ser "zona 20"no tramo da praza.
- Supresión do tráfico interior, mantendo o acceso de servizo ao campo de futbol.
- Mellora e ampliación da zona infantil.
- Supresión das barreiras físicas que prexudican o uso da praza.
- Bancada perimetral aproveitando a diferenza de altura de 4 metros entre o lado oeste (onde estaba o quiosco) e o leste.
- Profunda reforma do palco e o bar, que agora só atende ao campo de futbol e que despois da mellora tamén poderá dar servizo á praza.
- Mellora dos accesos ao campo de futbol.
- Plantación de árbores, para crear unha barreira entre a PO-505 e a praza no tramo no que están á mesma altura.
- A praza contará con 3 espazos diferentes, que poden funcionar conxuntamente ou por separado segundo as necesidades: zona infantil, zona de eventos menores e zona de eventos maiores.