Concello de Sanxenxo - SANXENXO IMPULSA A RECUPERACIÓN AMBIENTAL E PAISAXÍSTICA DO LITORAL DA RIA DE AROUSA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación consistía, inicialmente, nunha senda, pero finalmente inclúe a recuperación ambiental do litoral e un centro de interpretación na Telleira
 
Sanxenxo viviu demasiado tempo de costas á súa fachada marítima da ría de Arousa. A pesar de ser un dos poucos concellos que ten o privilexio de estar bañado por dúas rías e, lonxe de aproveitalo, ata agora envorcou toda a súa atención na ría de Pontevedra. 
 
O litoral da ría de Arousa de Sanxenxo é un lugar privilexiado pola súa beleza natural e a suavidade do seu clima, que numerosas especies de aves elixen para invernar. A zona conta con relevantes figuras de protección, por exemplo, forma parte da Rede Natura 2000, é Lugar de Interese Comunitario europeo (LIC) está protexido polo convenio internacional Ramsar de humidais e é Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA). 
   
Ao comezo desta lexislatura o goberno mostrou a súa disposición a recuperar e pór en valor o litoral da ría de Arousa, desde a parroquia de Noalla ata Vilalonga no límite con Meaño. O primeiro paso era a creación dun sendeiro pola costa, pero o que empezou sendo unha actuación máis modesta converteuse nun proxecto máis ambicioso que inclúe a recuperación ambiental e paisaxística de toda a franxa costeira e a adaptación da Telleira como centro de interpretación.
 
O proxecto que aspira a financiarse con fondos europeos está valorado en 1,6 millóns de euros e inclúe 3 actuacións: 
 
1. Centro de interpretación da Telleira que supón a mellora da estrutura do edificio, unha redistribución dos espazos e a incorporación de enerxías renovables para lograr a autosuficiencia enerxética.   
 
O obxectivo é que A Telleira se converta nun centro de difusión dos valores ecolóxicos e etnográficos de toda a zona que fomente o turismo ambiental e ornitolóxico, especialmente nos meses de outono e inverno cando máis de 200 especies de aves elixen este humidal para invernar. Pero como se trata dun edificio moi amplo tamén será a sede da concellaría de medio ambiente, achegando aos veciños a un dos espazos de alto valor ecolóxico. 
 
2. Recuperación ambiental e paisaxística da franxa costeira. A actividade industrial que tivo a zona xerou unha degradación que agora se pretende corrixir mediante a eliminación de depósitos de materiais refractarios e ladrillos. Neste sentido o proxecto contempla labores de recuperación do chan, limpeza de zonas degradadas e restauración da vexetación. Proponse a plantación de árbores de folla caduca que supoñan unha mellora paisaxística e sirvan de refuxio das aves. En definitiva, é moito máis que un camiño costeiro, implica a recuperación do ecosistema. 
 
3. Sendeiro polo litoral ao longo de 8 km que van da enseada de O Bao na Revolta á punta A Fianteira no límite do concello. Trátase de facilitar o percorrido pola costa que ofrece unhas fermosas vistas do complexo intermareal e potenciar e mellorar os observatorios de aves e a información sobre os valores ambientais e ornitolóxicos.  
 
 
 
 
 
0
0
0
s2sdefault