Concello de Sanxenxo - O BOXEO SÚMASE ÁS DISCIPLINAS QUE SE IMPARTIRÁN NAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O actual campión de España, Aaron González, encargarase de impartir as clases no pavillón de Baltar xunto a Sebastián Laterza
 
Sanxenxo segue ampliando o seu abanico de disciplinas nas súas escolas deportivas e incluirá o próximo curso escolar o boxeo. O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, mantivo esta mañá un encontro na Casa de Don Fernando co actual campión de España, Aaron González, e Sebastián Laterza do club Team Thunder que serán os encargados de impartir a actividade no pavillón de Baltar. O obxectivo é empezar co deporte desde a base, dar a coñecer o boxeo olímpico amateur desde idades temperás. "A nosa idea é ir incrementando a oferta deportiva para que os nenos e nenas teñan hábitos saudables e coñezan distintos deportes. E estamos percibindo interese polo boxeo polo que cremos que é unha boa idea ofertalo nas escolas municipais", explica Arosa.
 
Diciplina, seguridade e respecto son os tres valores que Aaron González destaca do boxeo e considera que é moi positivo comezar desde idades temperás a practicalo. "Fomos un club pioneiro en España en propor o boxeo infantil con graos, sen ningún tipo de contacto, a partir dos 4 anos. De feito, ata os 14 anos non pode haber contacto pleno. O bo de empezar desde a base é que se fomenta a dinámica deportiva e os hábitos saudables. Ademais, inícianse técnicas de boxeo como son sombra, saco, corda e manoplas", explica Aaron González.
 
Aaron González é mestre de Primaria, pero é coñecido polo seu palmarés deportivo tras ser tres veces campión de España, o última este mesmo ano e cinco de Galicia. Ademais, é técnico e coordinador de graos da Federación Española de Boxeo. O outro adestrador é Sebastián Laterza, adestrador e técnico evaluador de graos de boxeo.
 
Para realizar unha exhibición do seu traballo en Sanxenxo, o club que conta con máis de 100 socios baralla datas e localización coa Concellería de Deportes para realizala nas próximas semanas.
0
0
0
s2sdefault