Máis de 650 persoas aloxaranse nos hoteis do municipio durante ese fin de semana
Sanxenxo volverá ser a sede dos congresos médicos de hipertensión e risco vascular os próximos 1 e 2 de outubro. A Sociedade Galega de Hipertensión aposta de novo polo municipio para estrear o seu ciclo de xornadas presenciais tras un ano de parón pola pandemia e farao con profesionais de primeiro nivel chegados desde distintos puntos de Galicia e de España.
O doutor e membro do comité organizador das xornadas, Carlos Názara, xunto ao concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, presentaron esta mañá as citas que terán lugar no Hotel Carlos I Silgar e no Hotel Sanxenxo o primeiro fin de semana de outubro. "Estamos encantados de volver acoller para moitos o mellor congreso autonómico con profesionais de distintos puntos de España e mesmo Portugal. Unhas xornadas que suporán unha importante inxección na actividade turística xa que máis de 650 persoas aloxaranse no municipio ese fin de semana", explicou Marcos Guisasola.
A confluencia nese mesmo fin de semana da 19 Xornada de Enfermaría sobre Risco Vascular, o 27 Congreso da Sociedade Galega de Hipertensión e o 18 Congreso Sociedade Galega de Risco Vascular permitirá realizar unha actualización dos factores de riscos vasculares, analizar a relación do Covid 19 coas enfermidades cardiovasculares e potenciar a medicina integral. "Este será o noso primeiro congreso presencial que precederá ao de Cardioloxía que vai ter lugar en novembro tamén en Sanxenxo", explicou Názara.
Con estas xornadas e como xa é costume, habilitarase unha carpa na Rosa dos Ventos do Paseo de Silgar cun equipo médico na que se analizará de forma gratuíta os factores de risco. Medirase o colesterol, a glicosa e pesarase e medirá ao paciente. Unha vez realizados estes parámetros entregarase unha ficha á persoa para que se realice un seguimento, se fose necesario, co seu médico de cabeceira.
As xornadas contarán con profesionais moi importantes no mundo médico como Angel Carracedo, Jose Ramón González Juanatey, cardiólogo do CHUS; Pedro Conthe, médico de Medicina Interna do Gregorio Marañón; José María Mostaza, da Unidade de Lípidos e Arterioesclerosis do Hospital Carlos III de Madrid, entre outros.