Un total de 211 alumnos e alumnas iniciarán este xoves o curso nas novas instalacións que teñen capacidade para 450
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaron esta mañá as instalacións do novo colexio do Cruceiro, construído en O Revel, acompañado do alcalde, Telmo Martín; a concelleira de Educación, Paz Lago, e o director, Ricardo Rodríguez. O novo centro que abrirá as súas portas este xoves con 211 matriculados ten unha capacidade para 450 alumnos.
Construído nunha parcela de 11.346 metros cadrados, conta cun total de 11 aulas, biblioteca, comedor, ximnasio e cunha característica única ata o momento nos colexios galegos: Divisións móbiles para desdobrar aulas. "Este é o centro que nos gustaría ter en todos os lugares de Galicia. Un colexio novo, con mobiliario novo e con plantexamentos arquitectónicos novos", destacou Núñez Feijóo. Na mesma liña, o presidente da Xunta incidiu en que a capacidade do centro "permitirá dar resposta ante calquera eventualidade ou incremento de poboación porque está pensado para ou futuro".
Para o alcalde, Telmo Martín o novo colexio é "unha proba máis de que a educación é unha prioridade para a Xunta de Galicia e o Concello. Un novo edificio que conta con todas as comodidades e innovacións das que poderán gozar a partir deste xoves 211 rapaces de Infantil e Primaria e aos que, non teño dúbida, seguiranse sumando novas matriculacións". Martín destacou o traballo da concelleira Paz Lago para "lograr que o novo colexio fora unha realidade" e do conselleiro Román Rodríguez, "un conselleiro a pé de obra" que permitiu o impulso definitivo do proxecto. "Hoxe estase a dar resposta a unha necesidade, a unha demanda histórica dos veciños de Vilalonga cun importante esforzo investidor por parte da Xunta de Galicia superior aos 5 millóns de euros", indicou. "Este colexio faise realidade grazas a aposta decidida e a sensibilidade dun goberno galego comprometido coa Educación. Redactar o proxecto dun colexio, licitalo, construilo e equipalo non é sinxelo e o teu goberno, presidente, fixoo en tan só dous anos", incidiu.
"Sinto un enorme orgullo, satisfacción e motivación", así definiu o director do centro educativo o seu estado de ánimo esta mañá tras a visita. Un sentimento que se trasladará ao alumnado. "Esta ledicia e motivación vaise reflexar no alumnado para que acaden os mellores resultados posibles cun centro totalmente novo e dotado das últimas tecnoloxías", dixo.