O centro educativo poderá visitarse o vindeiro martes, día 7, en horario de 18 a 22 horas
O Concello de Sanxenxo organiza unha xornada de portas abertas para coñecer o novo colexio do Revel. Será o vindeiro martes día 7, en horario de 18 a 22 horas, cando os veciños e veciñas poderán realizar unha visita ao centro educativo en grupos reducidos e cumprindo o protocolo anticovid. O alcalde, Telmo Martín, xunto aos concelleiros de Educación, Paz Lago, e de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, acompañarán aos veciños que acudan no percorrido polas instalacións. A visita realizarase dous días antes do comezo do novo curso o que permitirá realizar unha limpeza e desinfección das instalacións unha vez conclúa a xornada de portas abertas.
O novo colexio do Revel, que substituirá ao actual Cruceiro e que dará servizo á parroquia de Vilalonga, é unha das principais intervencións que a Xunta executou en Sanxenxo tanto pola súa envergadura como polo seu orzamento, 5.196.854 euros. Estas instalacións educativas en O Revel están clasificadas pola Xunta como de liña dúas, é dicir, oferta seis unidades de Infantil e doce de Primaria.
O edificio distribúese en tres plantas: un semisótano, planta baixa e primeiro piso.
O semisótano albergará as instalacións e o ximnasio. Na planta baixa atópanse os accesos ao colexio, unha sala-comedor que pode servir tamén como espazo de usos múltiples, outra para profesores, unha máis de administración e as aulas de Infantil e de desdobre. Nesta planta baixa tamén hai espazo para a biblioteca, a aula de informática e un gran patio central.
Na primeira planta sitúanse as aulas de Primaria, Música e de Orientación. A parte sur da parcela aloxa a pista polideportiva. A obra complétase con tres accesos, entre os que se atopa un para persoas con mobilidade reducida, que se conecta directamente co centro.