A cita arrincou esta mañá e manterase todo o fin de semana con horario continuado de 11 a 22 horas na Praza dos Barcos
Téxtil, calzado, decoración, complementos e ata produtos gastronómicos repartidos en 15 expositores que desde hoxe e ata o vindeiro domingo exhibiranse na Praza dos Barcos. O comercio local arrincou hoxe a Feira de Oportunidades que a media mañá percorreu o concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, acompañado do presidente de Entretendas, Julio Presas. O comercio afronta esta cita como unha boa oportunidade para vender os stocks da tempada e impulsar as vendas en plena operación Volta ao Cole. "Trátase de apoiar ao comercio local e á vez ás familias porque neste punto concéntranse unha gran variedade de produtos de gran calidade e a prezos rebaixados", asegura Guisasola.
A cita manterase durante todo o fin de semana con importantes descontos, nalgúns casos máis do 50% como un aliciente para os compradores en produtos de moi alta calidade. O horario será continuado de 11 a 22 horas.
Durante a mañá, houbo unha gran afluencia de público nos distintos expositores que se manterán ata o vindeiro domingo.