A entrada é gratuíta ata completar aforo, previa reserva de entradas no 986 727 936
A Concellería de Cultura programa un ciclo de teatro para os fins de semana de setembro, outubro e novembro no Pazo de Emilia Pardo Bazán. A entrada é gratuíta ata completar aforo, previa reserva de entradas no 986 727 936. A actividade arrinca o vindeiro sábado, 18 de setembro, ás 21 horas con "Os noivos para Carlota" co grupo de teatro Suavila do Club de Xubilados de Sanxenxo.
O domingo, 26 de setembro, ás 19 horas, será a quenda de "A familia sempre unida", co grupo Maruxía do Club de Xubilados de Portonovo. A representación conta a historia de Don Vidal, un vello ricachón que se pon moi enfermo e a familia acode á súa casa por se chega o fatal desenlace.
"Animais de compañía" será representada polo Teatro Noroeste o sábado 2 de outubro, ás 18 horas. Trátase dunha comedia musical onde se abordan as relacións humanas e móstrase a importancia do respecto ás diferenzas.
"O reino da extinción" é unha comedia hilarante que aborda a problemática da perda do noso patrimonio inmaterial e que busca reactivar esa conciencia no público. Será o 9 de outubro, ás 21 horas.
A compañía Panadaría achegará o 11 de outubro a Sanxenxo, ás 21 horas, a obra "Elisa e Marcela. Historias que parecen contos", ambientada en 1901, conta a historia de dúas mulleres que casan na igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Fondo Xacobeo 21-22.
O venres 22 de outubro, ás 20 horas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística acaerca a Sanxenxo a proxección audiovisual do documental "Xela Arias. Poeta nas marxes" dirixido por Beatriz Pereira.
O 6 de novembro, ás 18 horas, Baobab Teatro representa a obra "Mai mai" que conta a historia dunha muller forte e emprendedora e un famoso fotógrafo que busca a último cuadrilla do planeta. Unha obra incluída no programa Tornar ás táboas da Deputación de Pontevedra.
O ciclo conclúe o domingo, 14 de novembro, ás 18 horas con "Dreaming Juliet" da compañía Elefante Elegante. A obra inspírase en Romeo e Julieta de William Shakespeare. A representación está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística atraves do Fondo Xacobeo 21-22.