O goberno encargará un proxecto para deseñar o mellor aproveitamento das instalacións e a parcela de 4.041 m2
A boa situación no centro de Vilalonga, as posibilidades que ofrecen a ampla parcela e o edificio de 1996 (2.246 m2), o espazo libre que se gañará ao derrubar os catro edificios antigos e os 1.200 m2 de pistas deportivas son catro argumentos de peso para que o goberno decidise destinar o antigo colexio O Cruceiro a un módulo de Turismo e dada a amplitude das instalacións acoller o futuro centro sociocultural. Para iso, o Concello iniciará a tramitación da desafectación ante a Consellería de Educación.
Esta opción permitirá dispor dun edificio de tres plantas (baixo+2) para acoller o módulo de Hostalería e Turismo que non é posible albergar por falta de espazo no instituto de Vilalonga, un sector no que Sanxenxo é un referente e que quere trasladar á vertente educativa. O goberno considera que este ciclo podería ser perfectamente compatible cun uso sociocultural. No exterior, haberá zonas axardinadas e deportivas que converterán este recinto nun lugar moi atractivo para os veciños de Vilalonga.
O colexio de O Cruceiro componse de 6 parcelas que suman 4.041 m2 e nas que foron construíndo distintos edificios. O máis antigo en 1956, posteriormente incorporáronse 3 novas parcelas en 1965, en 1975 prodúcese unha nova ampliación das instalacións e, por último, en 1996 construíuse un edificio de 2.248 m2 que é o máis aproveitable pola súa amplitude e bo estado de conservación.
A profunda remodelación da praza de Vilalonga, a urbanización da zona de O Revel e as actuacións no colexio de O Cruceiro supoñen unha importante mellora urbanística e un triángulo de equipamentos educativos, sociais e deportivos que redundará na calidade de vida dos veciños de Vilalonga.