Concello de Sanxenxo - O CEIP DE PORTONOVO INICIARÁ O CURSO ESTE XOVES CON TOTAL SEGURIDADE PARA O ALUMNADO DE INFANTIL E PRIMARIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O colexio de Portonovo iniciará o curso o vindeiro xoves garantindo a total seguridade para o alumnado de Infantil e Primaria. Así se acordou esta mesma mañá nunha reunión no propio centro educativo na que estiveron o alcalde, Telmo Martín; a concelleira de Educación, Paz Lago, o xefe territorial, César Pérez Ares; o director do centro, Jose Currás, membros da ANPA e técnicos da obra. "Todos temos claro que é unha obra importante que mellorará a calidade de vida a pais e escolares deste centro, pero que non se pode correr o mínimo risco nin co alumnado nin co profesorado", dixo Martín.
 
Tanto o alcalde como o xefe territorial de Educación pediron desculpas ás familias que poidan ver alterada a conciliación familiar por estes cinco días de demora, pero incidiron en que o prioritario é a seguridade da comunidade educativa. Así llo trasladaron na reunión ás representantes da ANPA como ás nais e pais que se concentraron no exterior do centro. "Asumo o atraso e pido desculpas, pero hai que ter en conta que o proceso administrativo desta obra é máis complexo que o habitual e o resultado será un colexio case novo. A volta á clase o xoves será totalmente segura", dixo Pérez Ares.
 
Unhas molestias que quedarán compensadas co resultado da obra, próxima ao millón de euros. Cando se fan obras poden xurdir inconvenientes como o atraso de 5 días do inicio de curso, pero é preferible facela e non ter os problemas durante o resto do ano escolar. Os traballos inclúen a renovación de todas as xanelas e persianas do centro, a substitución de todas as cubertas, a colocación do falso teito e a instalación de novas luminarias nas aulas tipo led con aceso e baixada de intensidade intelixente. Ademais, puíuse o chan de baldosa de todo o centro e instalouse un novo chan máis confortable de vinilo nas aulas de Infantil que ademais reducirán os golpes por caídas. Para mellorar a imaxe das aulas realizouse un pintado xeral de portas e paredes de todo o centro. Na pista do pavillón tamén se substituirá a cuberta, cambiaranse as xanelas e pintarase a carpintaría dos vestiarios.
 
A obra ten un prazo de 4 meses e xa está executada ao 80% polo que se prevé que conclúa durante o mes de outubro. Para non correr o mínimo risco, estableceranse itinerarios de entrada e saída do centro. As obras continuaranse fóra do horario escolar e, pola mañá, seguiranse cos traballos no ximnasio.
 
0
0
0
s2sdefault