Concello de Sanxenxo - SANXENXO PROPÓN AOS FONDOS EUROPEOS NEXT GENERATION A POSTA EN VALOR DO XACEMENTO E TORRE DA LANZADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O proxecto, orzado en 230.000 euros, aborda a recreación dixital da Revolta Irmandiña e a interpretación en realidade aumentada do xacemento
 
Pór en valor a orixe de Sanxenxo e a riqueza arqueolóxica da Lanzada son dous dos obxectivos que o Concello persegue co proxecto incluído no "Plan de Sustentabilidade Turística en Destino 2022-2024. Sanxenxo, 365 días" presentado na convocatoria dos fondos europeos Next Generation e que se orza en 230.000 euros.
 
Para potenciar o conxunto patrimonial da Lanzada exponse a sinalización interpretativa do conxunto e o deseño dun gran evento seguindo a técnica do "living history". O evento recreará o episodio histórico da revolta dos Irmandiños, trasladando aos asistentes á Idade Media, difundindo a historia da rebelión galega contra os nobres e que ten como protagonista a Torre da Lanzada, o primeiro ben municipal de Sanxenxo declarado BIC, mandado construír polo bispo Sismando en 945 para a defensa da arquidiocese de Santiago de Compostela.
 
Para potenciar o vínculo da Lanzada coa salgadura proponse encontros anuais con outros destinos que conservan fábricas de salgaduras como Almería, Ceuta, Cádiz, Laraxe, Murcia e outros destinos do Mediterráneo que ten como finalidade a reinterpretación culinaria de receitas fenicias e romanas que porán de relevancia a relación co mar.
 
En canto ao xacemento exponse un sistema de realidade aumentada que permitirá engadir capas de información visual sobre o conxunto patrimonial. A través dos dispositivos móbiles (tablets ou smartphones) ofreceranse experiencias máis inmersivas que favorecerán a interpretación do conxunto patrimonial. Desta forma, o visitante recibirá unha experiencia máis completa que non sería posible sen o uso da realidade aumentada. A visualización estará vinculada aos puntos do itinerario da visita: Con do Cabalo, o poboado galaico, a factoría de salgaduras, a necrópole romana, a igrexa ou a fortaleza medieval e mesmo estruturas que se atopan ocultas por case 2 metros de area e que non son visibles na actualidade
 
0
0
0
s2sdefault