Concello de Sanxenxo - A XUNTA COMEZA O LUNS A MELLORA DA CAPACIDADE DO ENLACE DA VÍA DE ALTAS PRESTACIÓNS AG-41 EN SANXENXO, QUE FARÁ NECESARIOS DESVÍOS DE TRÁFICO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

  • A intervención, cun investimento de 335.000 euros, desenvolverá un ramal cun radio de xiro adecuado e ampliará a calzada entre o enlace de Sanxenxo e a estrada PO-504, co fin de mellorar a fluidez e reducir os atascos no verán
  • Para realizar esta mellora serán necesarios desvíos de tráfico, que se acometerán en dúas fases, e cuxo remate se prevé para mediados do mes de decembro
  • A primeira fase desviará o tráfico procedente do Grove pola saída 21 (Adina) ata a estrada provincial EP-9206.
  • O tráfico de saída de Sanxenxo desviarase pola vía de servizo anexa á vía afectada e o da VG-4.1 de entrada a Sanxenxo discorrerá pola PO-504
  • Nunha segunda fase dos traballos cortarase o acceso que une a glorieta inferior da VG 4.1 coa rotonda da PO-504

A Xunta comezará o luns as obras de mellora da capacidade do enlace da vía de altas prestacións AG-41 en Sanxenxo, que farán necesarios desvíos de tráfico.

Esta intervención, adxudicada á empresa Construcciones Fechi S.L., suporá un investimento autonómico de 335.000 euros, tendo en conta as expropiacións necesarias.

Trátase de modificar o ramal partindo da estrutura sobre a estrada PO-504 para desenvolver un ramal cun radio de xiro adecuado e ampliar a calzada entre a glorieta do enlace de Sanxenxo e a vía autonómica, dotándoo dun carril adicional. O obxectivo dos traballos é mellorar a fluidez e reducir os atascos no verán neste punto.

Co obxecto de executar esta mellora en condicións de seguridade e sen afectar a mobilidade que sempre é máis intensa en época estival, co inicio das obras desde o vindeiro luns, será necesario realizar desvíos de tráfico. Estes desvíos acometeranse en dúas fases, prevéndose o seu remate a mediados do mes de decembro, aínda que supeditado ao avance dos traballos en función das condicións meteorolóxicas das vindeiras semanas.

A primeira fase de desvíos comezará o luns e prolongarase durante un tempo estimado de dous meses. Nesta primeira fase desviarase o tráfico da vía VG-4.1 procedente do Grove pola saída 21 (Adina) ata a estrada provincial EP-9206.

O tráfico de saída de Sanxenxo desviarase pola vía de servizo anexa á vía afectada e o da VG-4.1 de entrada a Sanxenxo discorrerá pola PO-504, habilitando un desvío na propia calzada.

A segunda fase dos traballos, para a que se estima un tempo aproximado dun mes, obrigará a cortar na súa totalidade o acceso que une a glorieta inferior da VG 4.1 coa rotonda da PO-504.

Desviarase o tráfico da saída de Sanxenxo en dirección á AG-4.1 pola actual vía de servizo. O tráfico de entrada de vehículo lixeiros desviarase pola estrada EP-9205 por unha vía municipal que parte da glorieta inferior da VG-4.1.

En canto o tráfico pesado e de autobuses, cortarase o acceso 19 e desviarase ao acceso 21 pola estrada EP-9206.

0
0
0
s2sdefault