Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE 5 OFERTAS PARA EXECUTAR O PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DE MÉNDEZ NÚÑEZ E 10 PARA O DE MELLORAS NO PARQUE EMPRESARIAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Dúas das obras que ten pendentes de licitación o Concello de Sanxenxo pecharon este luns o prazo de presentación de ofertas con 5 e 10 propostas de empresas interesadas en acometer os traballos. Trátase da humanización da praza de Méndez Núñez e da mellora do parque empresarial de Nantes
 
A praza portonovesa será obxecto dunha profunda mellora na que se priorizará o uso peonil e mellorarase a accesibilidade. Un proxecto que saíu a licitación por 112.894 euros que serán financiados ao 70% pola Xunta de Galicia a través do Plan Hurbe e o 30% con fondos municipais. 
 
Para a praza de case 500 metros cadrados de superficie e xerada polo cruzamento de tres viarios, o proxecto expón catro plataformas totalmente horizontais que conectarán de forma directa a Rúa da Mariña coas vivendas e locais de restauración situados neste espazo. Estas plataformas crearanse con muros de contención de formigón e con acabados de empedrado de granito cor gris.
 
A actuación busca xerar dous fluxos de tráfico, o rodado e o peonil, que se distinguirán por dúas cores do empedrado, o gris para o peón e o rosa salmón para os vehículos. O proxecto expón eliminar o tráfico rodado da rúa Méndez Núñez, só no tramo que coincide coa praza, para conectar de forma directa o novo espazo horizontal coas edificacións existentes. O tráfico rodado manterase na Rúa da Mariña como prolongación da travesía de Santa Catalina.
 
Co obxectivo de realizar unha praza agradable para a estancia e goce do espazo, haberá bancos, xerados a través do muro de contención de formigón, pequenos parterres que incluirán especies arbóreas, que xerarán sombras. O prazo de execución estimado do proxecto é de cinco meses.
 
 
 
En canto ás melloras do parque empresarial de Nantes, as obras para mellorar os viarios, a sinalización e as canalizacións do parque empresarial de Nantes saíron a licitación por 123.346 euros.
 
O prazo de execución das obras fíxase en dous meses e a actuación contempla un fresado e pavimentación de zonas onde os firmes atópanse máis deteriorados; a reposición de bordos de formigón que forman parte da drenaxe dos propios viarios; a restauración dalgunhas beirarrúas, así como a instalación de nova sinalización vertical e horizontal. Os traballos suporán unha importante mellora tanto na imaxe como na seguridade viaria do espazo empresarial. O 80% do investimento será financiada cunha axuda da Consellería de Economía e o outro 20% con fondos municipais.
 
0
0
0
s2sdefault