Concello de Sanxenxo - SANXENXO MANTÉN A SÚA APOSTA POLO NADAL E SACA A CONCURSO A ILUMINACIÓN POR DÚAS ANUALIDADES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O Concello volve apostar polos recunchos do Nadal en todas as parroquias con figuras e photocalls tras a gran aceptación do ano pasado
 
Un total de 271 elementos lumínicos, entre arcos, figuras, photocalls e variados motivos decorarán o próximo Nadal o sete parroquias do municipio. O Concello de Sanxenxo sacará a concurso a iluminación por un período de dúas anualidades e un prezo de licitación de 240.000 euros nunha clara aposta por potenciar a terceira tempada do ano en Sanxenxo, tras o verán e a Semana Santa, e incentivar a actividade turística, hostaleira e o comercio local. A aposta estratéxica pola tempada do Nadal é un obxectivo prioritario no plan que ten Sanxenxo para seguir crecendo os 365 días do ano. Neste sentido, o goberno xa traballa nalgunha novidade máis para estas datas.
 
Este primeiro ano, a oferta sae a concurso por 117.079,60 euros (IVE incluído), o que supón un incremento de 20.104 euros respecto ao ano pasado, e o segundo, 122.933,58 euros (IVE incluído). A empresa adxudicataria deberá presentar no segundo ano unha proposta, como mínimo, un 75% diferente á do primeiro ano e cunha antelación polo menos de 6 meses antes da finalización do contrato.
 
Tras o éxito obtido o ano pasado, volverase a apostar pola creación de recunchos do Nadal en todas as parroquias con grandes figuras e photocalls que permitirán inmortalizar momentos do Nadal coa familia e amigos. O prego non determina o tipo de figuras nin tampouco os elementos que conformarán a decoración. Será a creatividade das propias ofertas as que determinen a cor e as formas que, iso si, deberán contar con luces Led RGB. Este sistema permite a composición de miles de cores baixo as tres cores primarias que son (vermello, verde e azul) e a creación de escenas en movemento. Os deseños destas luces pódense adaptar a distintos elementos do Nadal como a árbore, arcos e motivos luminosos para decoracións en rúas, avenidas ou calquera outro elemento.
 
Os espazos públicos elixidos para a decoración do Nadal son zonas de gran tránsito tanto peonil como de vehículos así como zona habitual de estancia e desfrute:
 
- En Bordóns: A Praza de Manuel Cortés, a rotonda de Areas, a rotonda de Bordóns e no lugar da Igrexa.
- En Dorrón: Carballeira, Colexio Magaláns, Entrada a Outeiro, A Granxa e rotonda de Dorrón. 
- En Nantes: Bar Berlín-Igrexa, Igrexa, Capela do Santo, Xardín Praza de Nantes e O Santo.
- En Noalla: As Canteiras, Capela de Aios, Carballeira, A Revolta, Centro Revolta, rotonda Noalla, zona axardinada enfronte da farmacia.
- En Portonovo: Adina, capela de Arra, capela de Baltar, estrada da Lanzada, entrada Montalvo, Parque Espiñeiro, rotonda de Baltar, rotonda de Portonovo, rotonda porto, Rúa Areal, Rúa Méndez Núñez, Rúa Rafael Picó, Rúa Santa Catalina e Rúa Lalinde del Río e Mariña,
- En Sanxenxo: Nauta, Paseo Silgar, Praza dos Barcos, Praza Pascual Veiga, Rotonda de Arnelas, Rotonda da Florida, Rotonda Hotel Terraza, Rotonda Vía Rápida, Rúa Augusto González Besada, Rúa Cesteiros, Rúa Progreso, Rúa San Isidro-capela, Rúa Vidal Rocha e contorna do Concello.
- En Vilalonga: Capela Gondar, estrada Meaño, Igrexa de Vilalonga, Praza Pública, Rotonda Eroski, centro da vila e rotonda.
 
As melloras incluídas no prego fan referencia ao incremento de números de motivos, en concreto 15, nas zonas da Praza de Manuel Cortés, zona da igrexa de Noalla, O Santo e zona verde en Nantes, colexio Magaláns, Parque do Espiñeiro en Portonovo, Praza Pública de Vilalonga, Casa Concello, Praza Pascual Veiga e Praza dos Barcos.
 
0
0
0
s2sdefault