A empresa redactará os traballos a realizar nun prazo de 75 días e por un importe de 67.760 euros
O Concello de Sanxenxo acaba de adxudicar a Enxeñaría Noroeste o proxecto de humanización da PO-308 ao seu paso polo centro de Portonovo e que se executará a través dun convenio coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co que se prevé un investimento de algo máis de 2,3 millóns de euros. A adxudicataria redactará o proxecto nun prazo máximo de 75 días e por un importe de 67.760 euros.
O goberno dispón xa dun anteproxecto no que se fixan as liñas xerais da actuación e os obxectivos que se perseguen con esta mellora. A actuación permitirá potenciar, humanizar e dinamizar unha contorna urbana cunha delimitación clara entre a circulación do tráfico peonil e rodado, ampliación de beirarrúas, disposición de zonas de acceso, reordenación de cruces e accesos, disposición de zonas axardinadas, colocación de mobiliario urbano e renovación das instalacións.
A reordenación dos tráficos permitirá un itinerario peonil accesible ao longo de todo o tramo cun ancho entre os 2 e os 3 metros de beirarrúa. Nas zonas onde sexa posible un ensanche de beirarrúa crearanse áreas de estancia. Substituirase o aparcadoiro en batería polo de liña deseñando prazas mínimas de 2,5 x 5,50 metros.
Coa finalidade de mellorar a seguridade viaria e permitir a supresión dos xiros á esquerda, o anteproxecto contempla a creación de dúas glorietas. Así mesmo, proponse unha mediana axardinada que impida invadir o carril do sentido contrario, canalizar o tráfico rodado, evitar o cruzamento de peóns e a implantación dunha sección de carácter máis urbano. A de maior tamaño, 27 metros de diámetro, situarase na intersección coa Rúa Areal, unha das principais vías de acceso ao núcleo de Portonovo. Contémplanse neste cruzamento unha rotonda dun único carril.
A outra rotonda prevese na intersección entre a rúa A Perla e a das Barreiras. A principal particularidade que presenta este cruzamento é a elevada pendente que presenta a zona que obrigará a realizar unha modificación dos ramais que acceden a ela. Para iso, proponse a elevación da rasante na zona máis baixa en ata un metro. O diámetro desta rotonda prevese de 26 metros e tamén terá un único carril.