O goberno dá un novo paso para executar o proxecto de Batea en Terra na zona do porto deportivo de Sanxenxo e a Praza do Mar. O Consello de administración de Nauta Sanxenxo, empresa municipal a través da que se sufragarán as obras e xestora do ámbito de actuación, deu luz verde á contratación do proxecto básico de execución da proposta gañadora do concurso de ideas de Paredes Pedrosa por 106.000 euros. A actuación que rolda os 7,8 millóns de euros executarase en tres fases.
A primeira centrarase na creación dun suave talude axardinado con especies autóctonas que comunicará a Praza dos Barcos coa Praza do Mar de forma accesible e eliminando o corte brusco e pendente que actualmente supón a bancada. Desta forma, prepárase xa a praza como miradoiro, pensada para utilizar todos os días do ano, con choiva e con sol, capaz de mellorar a calidade urbana e as relacións sociais. Nesta primeira, fase contémplase a creación dun paso rodado polo interior do estacionamento público para atender as necesidades dos portos pesqueiro e deportivo tras a eliminación do actual acceso. O reforzo da estrutura que soportará o umbráculo tamén se acometerá nesta fase.
A segunda centrarase na remodelación do edificio de Capitanía Marítima que no proxecto presentado ao concurso de ideas exponse desde un dobre punto de vista. Po un lado, utilizarase a estrutura existente sobre a que se construirá unha cuberta única e continua e, doutra banda, unha pérgola para unificar o conxunto. A mellora contempla tamén medidas de eficiencia enerxética coa colocación de paneis solares que non serán percibidos nin desde a pobo nin desde o porto.
Na terceira fase acometerase o umbráculo construído en madeira galega. Un recinto techado, moi luminoso, con paredes acristaladas e suxeitado por catro grandes piares. A idea é que teña un efecto espello que permita reflectir a ría, mentres que, no interior, ofrecerá panorámicas do litoral. Ocupará o 25 % da superficie da actual praza e servirá para a celebración de actos culturais, deportivos, feiras e congresos. Está pensado para que sexa un recinto flexible, o que permitirá o seu uso en calquera época do ano e dotará a Sanxenxo dunha estrutura con maior capacidade que un auditorio ou un pavillón deportivo.
NAUTA DÁ LUZ VERDE Á CONTRATACIÓN DO PROXECTO DEFINITIVO DE "BATEA EN TERRA" QUE SE EXECUTARÁ POR FASES
powered by social2s