Ínsula Sanxenxo deu luz verde esta mesma mañá en consello de administración a contratación do proxecto de execución do complexo municipal de servizos previsto no parque empresarial por un importe máximo de 150.000 euros (IVE incluído). A proposta foi aprobada por unanimidade. A construción desta nave permitirá un aforro anual de 38.115 euros anuais polo aluguer da nave de Servizos e concentrar nun mesmo espazo varios servizos municipais.
O anteproxecto contempla a construción de catro edificacións ou naves destinadas á Policía Local (300 m2), Emerxencias (200 m2), nave para servizos xerais (2.000 m2) e espazo coworking ou viveiro de empresas (máx.1500 m2). Ademais, contémplase unha oficina para servizos xerais (100 m2) e unha estación para almacenamento da iluminación pública (600m2). O prazo de execución para estas naves estímase en 18 meses.
As naves destinadas a almacén e ao servizo de Emerxencias contará con dous corpos, o principal destinado á nave de servizos que constará dunha única planta situada sobre planta baixa e un soto que ocupa parte da superficie. O outro corpo estará destinado a Emerxencias cunha planta baixa destinada a aparcadoiro e unha planta destinada a servizos.
O edificio destinado a coworking constará de tres plantas, así como unha planta soto destinada a aparcadoiro. A nave destinada á Policía Local terá dúas plantas.
En canto ao aspecto exterior das naves prevese un sistema de cerramento exterior transventilado con paneis de formigón con fibras e un sistema de parasois verticais e celosías de aluminio.
O orzamento total da actuación está estimado en 5.785.418 euros.