O 50,91% das persoas que se pasaron polos puntos informativos do municipio visitaron Sanxenxo por primeira vez
Os indicadores turísticos de Sanxenxo volven afianzar a recuperación do sector no mes de setembro. Durante este período, as oficinas situadas no porto deportivo de Sanxenxo e en Baltar lograron superar os rexistros non só de 2020, nun 74,45%, senón tamén de 2019, nun 24,14%. Un total de 1.283 persoas, a maioría entre idades comprendidas entre os 35 e 60 anos e de territorio nacional, pasáronse polas oficinas para buscar información do municipio.
A procedencia do visitante neste noveno mes do ano continúa sendo preferentemente de España sendo Castela León, Madrid, Asturias e País Vasco os lugares de orixe máis numerosos no cómputo total. En canto aos visitantes internacionais, 148, tamén se incrementou a cifra respecto de 2020, 12, e 2019,122. Neste caso o maior número de turistas estranxeiros procedían de Portugal (103) seguidos de Francia (14) ou Alemaña (10).
Do total de turistas que acudiron ás oficinas, o 50,91% visitaron Sanxenxo por primeira vez. Un perfil de novo visitante que xa vén repetindo en meses anteriores. En canto ao tipo de aloxamento, o 55,73% fixérono en hoteis, 19,92% en apartamentos fronte ao resto que elixiron cámping, pensión, casa rural, barco ou autocaravana.
A información máis demandada é lugares que poden visitar, planos do municipio, viaxes en barcos a illas, natureza, praias, rutas de sendeirismo, festas, gastronomía, adegas e actividades.
En canto ao número de visitantes por oficina, Sanxenxo rexistrou 602 e Portonovo 681 de 12 países diferentes e de 16 comunidades españolas.