Concello de Sanxenxo - O III CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL SOALLEIRA REGRESA ESTE DOMINGO AO PAZO DE PARDO BAZÁN CON 32 GRUPOS DE TRES PROVINCIAS GALEGAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita cultural contará este ano cunha pantalla exterior para poder seguir as actuacións e unha carpa para dar cumprimento ás medidas Covid
 
Sanxenxo, 14 de outubro de 2021.- O III Concurso de Música Tradicional Soalleira chega este domingo ao Pazo de Emilia Pardo Bazán plenamente consolidado no calendario cultural autonómico con 32 grupos procedentes das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo. A cita terá lugar este domingo 17, en horario de mañá e de tarde, ás 11 e ás 16 horas, nos que se repartirán as catro categorías participantes.
 
O concurso, organizado pola Asociación Cultural Soalleira de Dorrón e o Concello de Sanxenxo, inclúese dentro do programa Sanxenxo Fala, e contará este ano cunha pantalla no exterior dende onde se poderán seguir as actuacións, se o aforo do salón de actos está completo, e tamén cunha carpa onde poderán esperar os grupos participantes. A inversión municipal neste evento supera os 7.000 euros, nos que se inclúe loxística, difusión e adecuación do espazo. 
 
As categorías A (ata 10 anos), B (de 11 a 13 anos) e C ( de 14 a 17 anos) competirán durante a mañá e a D (de 18 anos en diante). Repartíranse un total de 3.500 euros en premios e o xurado terá en conta a autenticidade, dificultade, afinación e interpretación. Así mesmo haberá tamén 2 premios para mellor vestiario.
 
A pandemia obrigou a suspender o ano pasado o concurso e este ano, a pospoñelo a outubro, pero pese a que moitos grupos comezan a retomar as súas actividades agora, o respaldo á cita quedou plenamente demostrado coa inscrición de 32 grupos que chegarán de distintos puntos de Galicia. A idea é que o próximo ano se volva a data marcada inicialmente no mes de maio. 
 
Dende a Concellería de Cultura, Paz Lago, destaca a calidade da cita e a importancia dun evento cultural que enriquece a programación cunha aposta clara pola tradición e o folclore popular.
 
0
0
0
s2sdefault