Concello de Sanxenxo - SANXENXO CREARÁ UN CENTRO DA CULTURA ARTESÁN NO PRIORADO DE ARRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O edificio, recentemente rehabilitado, será equipado cunha partida de 13.380 euros, dos que 8.000 serán financiados con fondos propios e 5.380 euros cunha axuda da Consellería de Cultura

Impulsar e pór en valor o traballo artesanal local dotándoo dun espazo propio no Priorado de Arra. Ese é o obxectivo que persegue o goberno coa creación do Centro da Cultura Artesán que permitirá, ademais de promocionar aos artesáns do municipio, transmitir a súa experiencia e coñecementos a futuras xeracións garantindo a supervivencia de oficios e actividades artesanais cun importante arraigo en Sanxenxo.

Na mellora deste inmoble, que no seu día foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co mosteiro de Armenteira, investíronse preto de 400.000 euros. Agora o goberno quere dotar as instalacións dun equipamento valorado en 13.380 euros, dos que 8.000 serán financiados con fondos propios e 5.380 euros cunha axuda da Consellería de Cultura.

A idea do Concello é dotalo do mobiliario e sistemas que permitan levar a cabo talleres formativos, exposicións temporais e encontros. Os espazos cos que conta a Casa do Priorado serían adecuados para este fin. Así, a primeira planta da edificación principal estaría destinada a exposicións temporais, actividades culturais (charlas, proxeccións...) e talleres formativos. A entrada equiparíase como un recibidor e lugar de traballos administrativos. Os dous locais da edificación anexa destinaríanse a talleres formativos.

Melloras en bibliotecas
A Concellería de Cultura acaba de acometer a mellora de ventilación na biblioteca de Vilalonga que permitirá acoller a usuarios no seu interior, 3 segundo as actuais limitacións pola situación sanitaria, cifra que se prevé que se poida ampliar a medida que se vaian relaxando as restricións. Tamén se actuará na biblioteca de Portonovo coa mellora do sistema de climatización que fará que as instalacións sexan máis confortables. O investimento con fondos propios para as dúas actuacións ascende a 8.016 euros.

0
0
0
s2sdefault