Concello de Sanxenxo - SANXENXO MOSTRA O SEU POTENCIAL TURÍSTICO NA FEIRA WORLD TRAVEL MARKET 2021 DE LONDRES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Unha representación do municipio, tanto do ámbito público como privado, manteñen unha ampla rolda de contactos para atraer a visitantes británicos.
 
Sanxenxo está presente desde este luns na feira World Travel Market de Londres (Reino Unido), un dos eventos máis importantes da industria turística a nivel internacional, cunha ampla representación do ámbito público e privado do municipio. Coa participación nesta feira de referencia, vaise retomando a estratexia de promoción turística de Sanxenxo a nivel internacional, tras o paro sufrido a nivel mundial pola pandemia. Hai que ter en conta que, na última edición da WTM, a feira reuniu a 5.000 expositores e máis de 50.000 profesionais duns 190 países, ademais de máis de 3.000 xornalistas especializados.
Dentro da WTM, Sanxenxo conta cun espazo expositivo e de traballo dentro da caseta de Turismo de Galicia no gran expositor de Turespaña, co fin de desenvolver diferentes accións de promoción e comercialización do produto turístico. Sanxenxo vai dentro da misión comercial do Clúster de Turismo de Galicia na que participan ademais da técnica de Turismo de Sanxenxo, Romina Fernández, o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, varias empresas como Viaxes Interrías, CN Travel, Hotel Pirámide, Hotel Carlos I e Galicia Vilas.
Entre as accións máis destacadas da participación de Sanxenxo na WTM de Londres, destacan os encontros con intermediarios para impulsar a comercialización do produto turístico baixo o slogan "Sanxenxo, 365 días diferentes".  Turismo de Sanxenxo estivo presente esta mañá no workshop "Speed networking" da propia feira WTM, a través dun formato baseado en encontros de traballo moi breves e desde onte mantivéronse varios encontros con operadores de distintos ámbitos do sector turístico.
O Concello de Sanxenxo considera de gran importancia a presenza na feira WTM de Londres, así como as diferentes accións promocionais e de comercialización do destino, co obxectivo de fortalecer e consolidar o volume de turistas do mercado internacional. 
Os turistas procedentes de Reino Unido ocupan a cuarta posición no mercado visitante internacional de Sanxenxo só por detrás de Portugal, Francia e Alemaña. Desde o Concello de Sanxenxo considérase que o turismo británico é un mercado turístico que hai que seguir reforzando a través dunha estratexia de produtos turísticos especializados, incidindo en produtos demandados como o turismo cultural e o enogastronómico, así como o turismo rural e de natureza, cunha especial demanda do turismo ornitolóxico e de avistamento de aves
0
0
0
s2sdefault