Urbanismo ultima os requirimentos para 4 edificios da vila de Sanxenxo e está a elaborar un de maior alcance para preto dunha decena de vivendas
O Concello esixirá facer cumprir a Lei do Solo de Galicia en referencia ao mantemento de vivendas e edificios que no seu artigo 135.1 obriga ao propietario a conservar os edificios "nas condicións legais para servir de soporte aos devanditos usos e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente exixibles".
No obxectivo de garantir a seguridade das persoas que residen nos edificios e os viandantes e, do mesmo xeito que os condutores deben pasar a ITV dos seus vehículos, os propietarios das vivendas ou edificios están obrigados a manter en bo estado de conservación as fachadas e tellados das súas vivendas. No caso de contar con máis de 50 anos de antigüidade, deben pasar unha inspección técnica cada cinco anos. Trátase dunha obrigación que aparece recollida na Lei do Solo de Galicia e que algúns inmobles do municipio non están a acatar.
Ao Concello xa chegaron varias queixas de veciños que urxen o cumprimento da lei en vivendas e edificios que presentan ben no tellado ou na fachada un estado de conservación deficiente co consecuente risco de seguridade e, nalgúns casos, de salubridade. Desde o departamento de Urbanismo ultímanse os requirimentos para 4 edificios da vila de Sanxenxo e estase elaborando un de maior alcance para preto dunha decena de vivendas
No caso de incumprimento, os titulares das edificacións poderán enfrontarse a multas de até 10.000 euros. No último ano, desde o departamento de Urbanismo tramitáronse preto dunha vintena de permisos para acondicionar e realizar labores de mantemento. Á última convocatoria de axudas da Consellería de Vivenda para melloras exteriores de inmobles, dotada cun millón de euros, concorreron polo menos dúas edificacións de Sanxenxo. Os propietarios deben aproveitar as axudas co obxectivo de velar polo mantemento e a seguridade dos seus inmobles.