Un total de 21 nenos e nenas gozaron das actividades programadas na Biblioteca de Sanxenxo
"Sábados lectores: Que medo de contos" arrincou esta fin de semana na Biblioteca de Sanxenxo situada no Pazo de Emilia Pardo Bazán cun total de 21 nenos e nenas do municipio, o aforo máximo atendendo ás limitacións da situación sanitaria. A temática elixida para este ano é o medo e resultou ser un éxito entre o público infantil, de entre 3 e 6 anos.
A actividade consistiu en dúas horas de contacontos de "Tun, tun" da autora Anya Damiron que trata a historia dun enorme elefante que finalmente logra ter moitos amigos e "A araña que lle tiña medo ás arañas" de Ramón Veiga a cargo do persoal municipal de Animación Sociocultural e da propia bibliotecaria. Entre medias, música, baile e pintura sempre coa temática do medo como pano de fondo.
O programa de animación á lectura desenvolverase de novembro a abril, con actividades nas tres bibliotecas municipais (Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga) de 11.00 a 13.00 horas. Os interesados en participar deben chamar a calquera das tres bibliotecas para rexistrarse porque a capacidade será limitada, de acordo coas restricións vixentes na situación sanitaria.