O local, destinado previamente ao supermercado Eroski, está situado a apenas 200 metros do actual, na Rúa Progreso, e conta co visto e prace dos placeiros
O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Economía, expuxeron durante a tarde de onte aos vendedores da praza de abastos de Sanxenxo a súa localización temporal mentres duren as obras das novas instalacións do mercado e a humanización da contorna. Tras varios meses de procura e negociacións, o goberno logrou na Rúa Progreso, a apenas uns 200 metros da praza, o novo espazo, un local dedicado xa previamente á alimentación, concretamente o supermercado Eroski, de 800 metros cadrados. Tras chegar a un acordo co propietario do inmoble, está previsto que asinen o contrato de aluguer nos próximos días e iniciar os traballos necesarios no interior.
Unha ampla representación de vendedores do mercado que asistiu á reunión avalou a proposta de recolocación durante o período que duren as obras. O traslado está previsto que se faga xa efectivo a principios do próximo ano, tras o paso das festas do Nadal. O concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, está a traballar xa nos últimos días na adaptación do espazo ás necesidades dos concesionarios. O goberno conta cunha partida de 40.000 euros no Orzamento deste ano para executar a remodelación necesaria dos espazos nos que se reutilizarán as bancadas, luminarias e equipamento do mercado actual. "O importante é que o tempo que duren as obras, os vendedores e clientes se atopen cómodos e que as vendas non se resintan polo cambio de espazo", explicou Martín.
O local elixido conta, ademais, xusto á beira, cun aparcadoiro disuasorio con capacidade para medio centenar de vehículos que se habilitará durante os días de mercado e en horario matinal só para clientes e servizo do mercado. Na actualidade o mercado conta con 7 postos fixos e 60 bancadas.
O novo edificio ten un orzamento de execución que rolda os 6 millóns de euros. O inmoble distribúese nunha planta subterránea de parking, sala de frigoríficos, ascensor e montacargas. Terá ademais seis plantas en superficie. A baixa e o primeiro piso destinaranse ao mercado. Os catro restantes destinaranse a espazos comerciais, culturais e gastronómicos. O novo mercado busca dinamizar a actividade económica da súa contorna e suporá unha mellora urbanística da zona.