Concello de Sanxenxo - O IX PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DA MANCOMUNIDADE DO SALNÉS CONCLÚE CO 91% DE INSERCIÓN LABORAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, acudiu esta mañá á clausura e entrega de diplomas dos alumnos no Real Club Náutico de Sanxenxo

A Mancomunidade do Salnés puxo esta mañá o broche final ao IX Programa Integrado de Emprego, tras a formación de 100 alumnos durante doce meses e a posta en marcha de 27 cursos diferentes. Ao acto de clausura do programa celebrado no Real Club Náutico acudiu o alcalde, Telmo Martín, xunto ao delegado da Xunta de Galicia, Luis López; a xefa territorial de Emprego, Marta Mariño; a presidenta da Mancomunidade, Marta Giráldez; o xerente do organismo comarcal, Ramón Guinarte, e a coordinadora do programa, Begoña Verissimo Alonso. Unha vintena de alumnos recolleron os diplomas dos cursos realizados, algúns ata once, pero ao acto non puideron acudir os 100 porque as súas ocupacións laborais actuais impedíronllo.

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, resaltou "o acerto" da Mancomunidade do Salnés na selección dos cursos nos que están representados todas as ramas do tecido empresarial da comarca. "Son cursos que responden a necesidades reais, pero que contan ademáis cun plus de innovación o que fai que o alumnado poida chegar ao mercado laboral cunha gran competitividade profesional. Proba delo é a inserción laboral do 91% que obtivo e estou convencido que acadará ou 100%", explicou.

Un programa que é apoiado economicamente pola Consellería de Emprego e Igualdade con 250.000. López destacou que "o compromiso da Xunta coa creación de emprego é claro, visible e recoñecido, xa que temos en marcha accións que están a formar a 900 persoas no Salnés cun investimento de 3,6 millóns. A comarca comezou este difícil ano con 9.350 persoas sen emprego e, grazas ao traballo de todos e a forte aposta da Xunta con obradoiros, cursos AFD, este programa e moitas outras accións, xa rebaixamos a cifra por debaixo dos 7.000 ao peche do pasado mes de outubro", incidiu.

Finalmente, a presidenta da Mancomunidade, Marta Giráldez, destacou o traballo realizado polos técnicos e desexou moita sorte aos alumnos na incorporación ao mercado laboral. "É sinxelo que o programa sexa un éxito cando un ten un gran equipo e iso é o que pasa con estes programas, explicou.

0
0
0
s2sdefault