Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACENDERÁ A SÚA ILUMINACIÓN DO NADAL O 1 DE DECEMBRO CON CASE 500 ELEMENTOS REPARTIDOS POR TODAS AS PARROQUIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
A empresa Creacións Luminosas S.L. encargarase do decorado este ano e o que vén por 235.958 euros
 
A iluminación do Nadal volverá estenderse un ano máis aos lugares referentes e de maior convivencia veciñal das sete parroquias do municipio. A empresa adxudicataria da instalación é Creacións Luminosas S.L. que se encargará da decoración durante este e o próximo ano por 235.958 euros, unha cifra lixeiramente inferior ao prezo de licitación. En total, iluminaranse ata 487 motivos diferentes a partir do próximo 1 de decembro e manteranse ata o 10 de xaneiro. 
 
Ademais dos tradicionais arcos que decorarán diferentes rúas do municipio, Sanxenxo contará con elementos cos que os que veciños e visitantes poderán interactuar sacando fotografías a modo de photocall. Na Praza dos Barcos un enorme libro luminoso presidirá o espazo que contará cun rótulo de felicitación das festas e coas palmeiras e farois decorados con distintos elementos. O parque do Espiñeiro en Portonovo terá unha bóla 3D e a Praza de Vilalonga un paquete de agasallo luminoso, ambos con acceso ao interior. Cerdeiras e nogueiras decorarán algunhas rotondas mentres que outras contarán con árbores e rótulos de felicitación do Nadal.
 
O Concello realiza un ano máis un importante esforzo investidor cun triple obxectivo que os veciños gocen dun ambiente festivo, atraer visitantes ao municipio mantendo a tendencia crecente desta tempada e promover a economía e o emprego local. O investimento este ano é 117.979 euros, fronte aos 96.921 euros en 2020; 90.598 euros en 2019; 83.000 euros en 2018 ou 40.500 en 2017. O goberno considera que seguindo nesta liña nuns anos o Nadal pódese converter no terceiro período de ocupación hostaleira despois do verán e a Semana Santa. Proba diso é que as 2.000 camas que ofrecían os hoteis que estiveron abertos quedaron curtas nos últimos anos antes do Covid. Pero non só iso, atraer tamén ás familias que teñen a súa segunda residencia en Sanxenxo que ata agora non afacían vir en Nadal. Ambos os perfís redundarán nunha maior actividade comercial e hostaleira.
0
0
0
s2sdefault