Concello de Sanxenxo - A NOVA OFICINA DE SERVIZOS ECONÓMICOS MUNICIPAIS ENTRARÁ EN FUNCIONAMENTO A PARTIR DO 1 DE DECEMBRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O Rexistro retoma a partir do luns o sistema de citas presencial, pero mantense a cita previa no resto de departamentos municipais 
 
As novas oficinas dos servizos económicos municipais xa están case listas. Ao baixo anexo ao consistorio, adquirido polo Concello de Sanxenxo o pasado ano, trasladaranse o 1 de decembro os traballadores das áreas de Tesouraría e Xestión Tributaria, Recadación e Rendas, Intervención e Catastro. O novo espazo redundará nunha mellor distribución do persoal e unha mellor atención ao cidadán xa que os servizos económicos estarán todos concentrados nun mesmo espazo. Neste departamento municipal hai un total de catorce traballadores que, debido á escaseza de espazo, atópanse distribuídos en distintas plantas do consistorio.
 
As instalacións teñen unha superficie de 280 metros cadrados, pero foi necesaria acondicionalas para as necesidades municipais, dotándoas de máis espazos e dunha conexión interior co edificio principal do Concello pola Rúa Madrid. O novo espazo conta con catro despachos, unha sala de xuntas, un espazo diáfano para oficinas de atención, unha zona de servizos e aseos. O Concello contou para a adecuación das oficinas cunha axuda da liña de Mellora das Infraestruturas, Dotacións e Instalacións de Equipamentos de Prestacións de Servizos Municipais de Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de 40.000 euros.
 
Doutra banda, o Rexistro Municipal retomará a partir deste luns as citas presenciais e eliminarase a cita previa posta en marcha coa alerta sanitaria. O servizo organizarase a través dun funcionario segundo a orde de chegada de cada veciño ou veciña. Nos departamentos municipais de Urbanismo, Catastro e Padrón mantense a cita previa. 
 
Co obxectivo de achegar a administración ao veciño e facilitar as tramitacións, os veciños de Sanxenxo dispoñen de dúas novas sedes electrónicas, dentro do programa de modernización da xestión administrativa. Trátase de https://concellodesanxenxo.sedelectronica.gal, para as xestións do Concello; e https://terradesanxenxo.sedelectronica.gal, para Terra de Sanxenxo. A modernización dixital tamén incorpora unha oficina virtual tributaria, a través dun novo programa de recadación do Concello e de Terra. Permite o pago de taxas e impostos municipais as 24 horas do día e todo o ano, así como a xestión do volante ou certificado de empadroamento.
 
0
0
0
s2sdefault