O alcalde, Telmo Martín, e o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos, Alfonso Martínez, asinaron o acordo no Pazo de Quintáns
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, rubricaron esta mañá no Pazo de Quintáns un convenio de colaboración de 30.000 euros. Unha partida económica que os empresarios turísticos destinarán ao reforzo do municipio como destino vacacional en tempada baixa e que acompañará ás iniciativas postas xa en marcha polo Concello. O acordo enmárcase dentro da subvención de 150.000 concedida pola Xunta de Galicia tras declarar Sanxenxo como Municipio de Preferente Actuación Turística en 2020.
Nos xardíns do Pazo de Quintáns, espazo recentemente rehabilitado e que está chamado a ser un dos dinamizadores da oferta turística do municipio, asinaron un convenio que o alcalde asegurou ten como obxectivo "medrar en calidade no verán e en cantidade o resto do ano". Na mesma liña, Martín asegurou que "temos que convencer aos que nos visitan no verán que o resto do ano hai outros Sanxenxos por descubrir que teñen o seu propio encanto. Como di o noso slogan "Sanxenxo, 365 días diferentes".
O alcalde lembrou que no verán Sanxenxo é líder "por diante de destinos turísticos tan importantes como San Sebastián, Bilbao ou Santiago de Compostela". O obxectivo, neste caso, é medrar en calidade para poder ofrecer, cada ano, mellores servizos aos centos de miles de persoas que nos visitan entre xuño e setembro". En tempada baixa, de outubro a maio, o municipio suma case 300.000 pernoctaciones. "Estamos convencidos de que temos aínda marxe de crecemento", asegurou.
O Concello está a traballar na renovación do material turístico do municipio en referencia a praias, patrimonio e paisaxe, na renovación da web de Turismo, a creación dunha marca propia de produtos e novo deseño da oficina e en campañas promocionais de destino. Todas estas accións enmárcanse dentro do convenio coa Xunta.
Pola súa banda, o CETS comprométese á promoción da marca Sanxenxo mediante accións concretas como workshops, famtrips, e outras actividades promocionais do destino. Martínez asegurou que "Sanxenxo escenifica con esta firma o que xa leva facendo moito tempo e é a colaboración público-privada para garantir o éxito de calquera actividade e máis no sector turístico". Na mesma liña, sinalou que o obxectivo "tanto desde o Concello como desde o CETS é converter a Sanxenxo nun referente de destino turístico os 365 días ao ano e ir máis aló da tempada estival". "Cremos que o Nadal é un bo momento para captar visitantes que gocen de Sanxenxo e poder convertela na terceira tempada do ano", indicou.
CONCELLO E CETS RUBRICAN UN CONVENIO PARA PROMOCIONAR SANXENXO COMO DESTINO TURÍSTICO ÓS 365 DÍAS DO ANO
powered by social2s