Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE DÚAS OFERTAS PARA EXECUTAR A HUMANIZACIÓN DO COLEXIO DE PORTONOVO E O MERCADO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
As empresas Movemento de Áridos e Construcións de Arosa, S.L. e Narom S.L. optan a realizar a obra que saíu a licitación por 833.633 euros 
 
O Concello de Sanxenxo acaba de recibir dúas ofertas para executar o proxecto de humanización da contorna do colexio e da praza de Portonovo para potenciar as zonas peonís e mellorar a seguridade viaria. As empresas Movemento de Áridos e Construcións de Arosa S.L. e Narom S.L. son as empresas que optan a realizar a obra que saíu a licitación por 833.633 euros. A actuación, que ten un prazo de execución de 6 meses, sufragarase con axuda da Deputación de Pontevedra e con fondos propios.
 
Ambas as administracións comparten o obxectivo de dar maior protagonismo e seguridade do peón nun espazo tan concorrido de Portonovo. Trátase da zona máis utilizada polos veciños xa que concentra varios equipamentos e edificios como o colexio, o mercado, distintos comercios, o edificio usos múltiples, as pistas deportivas e o parque de O Espiñeiro.
 
A actuación centrarase en mellorar a Rúa Areal, a travesía do mesmo nome, a Rúa Espiñeiro e a contorna do mercado. O espazo de actuación necesita unha profunda remodelación pois ten importantes deficiencias: Beirarrúas estreitas e en mal estado, circulación de vehículos desordenada, mobiliario obsoleto, iluminación deficiente, así como falta de arboledo e zonas axardinadas.
 
Ademais do cambio en superficie, a obra completa a renovación de practicamente a totalidade da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, así como a substitución de toda a rede de iluminación pública, coa instalación de 67 novos farois ou báculos. Ademais, ampliaranse e mellorarán as beirarrúas, separando o espazo de iluminación e os sinais de circuítos de tránsito. A reforma inclúe espazos peonís e de cruces con baldosas de granito, a creación de zonas axardinadas e a ampliación das existentes.
 
A humanización implicará algúns cambios de tráfico: A Rúa Areal manterá a súa dobre dirección, a Rúa Espiñeiro terá sentido único desde Rafael Picó á Rúa Areal. Outra modificación que se levará a cabo tras a humanización é o sentido da circulación da travesía de Areal que agora ten sentido de entrada e pasará a ser de saída para o uso do bus de transporte público que parará na marquesiña.
 
O proxecto fai especial énfase na mellora da praza do mercado, que inclúe a zona de aparcadoiro, a marquesiña e a zona verde adxacente a ambas. Proponse unificar estes tres espazos cunha urbanización similar mellorando as comunicacións e o pavimento da zona verde, a utilización da marquesiña para o transporte público e ordenando a zona de aparcadoiro anexa ao mercado. En lugar do asfalto actual, proponse pavimentar este parking con laxa de céspede o que suavizará o seu impacto achegando unha imaxe en sintonía coa zona verde e o parque de O Espiñeiro.
 
0
0
0
s2sdefault