Os amantes do boxeo poderán gozar os próximos 4 ,5 e 6 de decembro no pavillón de Baltar dos Campionatos Galegos de Boxeo das categorías Promesas e Elite. En horarios de tarde, de 16 a 21 horas, polos rings habilitados para a ocasión no pavillón de Baltar pasarán máis de cen loitadores en máis dunha vintena de combates diarios. A Federación Galega de Boxeo, en colaboración co Concello de Sanxenxo e o club Thunder Team, organizan unha cita "única" no panorama galego polo número de participantes e de combates, así como o alto nivel dos loitadores.
Polo pavillón de Baltar pasaranse as elites e promesas do momento, tanto en categoría masculina como feminina, como Aaron González, o actual campión de España, pero tamén Goyo Rubio, Olga Vázquez, Ana Acevedo, Wilson Tabares ou Manuel Míguez.
Este ano e, por primeira vez, sumouse o boxeo ás disciplinas que se imparten nas escolas deportivas municipais de Sanxenxo. O actual campión de España, Aaron González, encárgase de dar clases no pavillón de Baltar xunto a Sebastián Laterza. O obxectivo é empezar o deporte desde a base e dar a coñecer o boxeo olímpico amateur en idades temperás. E a resposta está a ser moi satisfactoria, con máis de 60 inscritos entre nenos e adultos. "Estamos moi contentos coa implantación dos novos deportes en Sanxenxo e que a xente responda a esta variedade de disciplinas", apunta Daniel Arosa, concelleiro de Deportes.