Os viarios interiores da grupo de vivendas, situadas na parte posterior do edificio do Concello, atópanse moi deteriorados
O Concello de Sanxenxo acaba de adxudicar á empresa Narom S.L. a mellora da Rúa Unión e os viarios transversais por 287.277 euros e un prazo de execución de 6 meses. A empresa encargada de realizar a obra ofertou a ampliación da garantía de 1 a 4 anos e incluíu as melloras da reparación de escaleiras de granito, colocación de papeleiras, bancos e saneamento. A actuación estará financiada a través do Plan Concellos da Deputación.
Os viarios interiores do grupo de vivendas, situadas na parte posterior do edificio do Concello, atópanse moi deteriorados, con pavimentos de formigón en masa e lousas de cemento, en mal estado, con moi mala iluminación e deficiencia nos servizos. O obxectivo desta actuación é mellorar toda a contorna, a base de pavimentos de pedra, dotación de servizos, nova iluminación e introducir zonas de axardinamento para converter este espazo nunha zona atractiva e recuperable para a vida urbana.
Para o novo pavimento utilizaranse laxas de granito sobre soleira de formigón e escaleiras de granito macizo. Para a recollida de augas pluviais nas zonas baixas do espazo público, instálanse canaletas con reixa, así como rede de pluviais que se conectarán a diferentes rúas adxacentes, segundo as pendentes de evacuación.
Instalarase unha nova iluminación, que permita unha mellora da iluminación actual que é moi deficiente, con luminarias tipo led de aluminio coas que se logrará unha maior eficiencia enerxética.
Así mesmo, colocaranse en distintos puntos macetas de diferentes cores que permitirán un axardinamento da zona con variadas especies de arbustos e plantas. Este importante tratamento vexetal da zona axudará a mellorar a imaxe desta contorna.