Concello de Sanxenxo - O PARQUE EMPRESARIAL INCREMENTA EN MÁIS DUN 40%, EN APENAS SETE MESES, O NÚMERO DE FIRMAS XA INSTALADAS OU EN PROCESO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 
Actualmente hai 27 empresas instaladas ou tramitando as súas licenzas, que ocupan 49 parcelas, case o 20% das dispoñibles para a actividade económica  
 
O parque empresarial cumpre 3 anos desde a súa apertura e, pese á freada que supuxo a pandemia do covid para calquera actividade económica, xa conta con 27 empresas instaladas ou tramitando as súas licenzas, o que supón 11 máis que o pasado mes de maio. 
 
O parque empresarial ten 261 parcelas para a actividade empresarial, das que 49 xa están ocupadas. A maiores, o Concello dispón dunhas parcelas que suman 48.704 m2 que en principio se destinarán a equipamentos públicos, entre os que destacan as novas sedes da policía local, o servizo de emerxencias e os servizos de mantemento, parques e xardíns. 
 
Entre as empresas que xa están en funcionamento, construíndo as súas instalacións ou tramitando as súas licenzas suman unha superficie de 65.996 m2 dos 351.750 m2 que ten o parque para uso comercial. Entre as vantaxes que ofrece o parque empresarial destaca a súa excelente comunicación por autovía cos portos e principais cidades galegas. Outro activo é que dispón dunha gran zona verde de 76.922 m2 que, ao seu valor paisaxístico e ambiental, hai que sumar o seu interese patrimonial cun asentamento do neolítico Con da Romaiña.        
       
A maior satisfacción para o alcalde, Telmo Martín, é que "o traballo que fixemos os propietarios, o persoal do Concello e o goberno para impulsar un parque empresarial que levaba 10 anos atrancado, agora atrae empresas e xenera postos de traballo". Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, percibe que "o parque vai ben encamiñado, está a entrar nunha dinámica positiva que xera sinerxías entre unhas actividades e outras".  
   
O parque empresarial reúne polo menos 6 actividades económicas distintas, pero os sectores que máis destacan por número e a superficie que ocupan son a alimentación e os materiais de construción, con seis empresas en cada un destes segmentos. 
 
En alimentación destacan Mercadona con case 10.000 m2 ocupados, séguenlle Eroski con 6.000 m2 e Xesnova global con 4.800 m2. No segmento dos materiais de construción hai empresas de carpintaría de madeira, carpintaría metálica, granitos e louza sanitaria. Outro sector que destaca é o das enerxías renovables con Inelsa que, a maiores das dúas parcelas das que dispón, fixo unha alianza para a creación dunha fábrica de baterías de uso doméstico, outras actividades presentes son a loxística, un gran bazar, un tanatorio e unha gasolineira.                          
 
0
0
0
s2sdefault