Concello de Sanxenxo - SANXENXO SACARÁ A PRÓXIMA SEMANA A CONCURSO O SERVIZO DE SALVAMENTO E SOCORRISMO EN PRAIAS POR 1,3 MILLÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Consello de Turismo de Sanxenxo deu luz verde esta semana á incoación do expediente do concurso do servizo de salvamento e socorrismo en praias por 1,3 millóns de euros por dous anos. O contrato sairá a licitación a próxima semana para que os interesados poidan presentar as súas ofertas. O prego de condicións que contempla dúas prórrogas do servizo inclúe, no apartado de melloras, o incremento de entre 300 e 200 horas de vixilancia en horario de fin de semana.

O servizo tivo un importante crecemento en Sanxenxo desde 2016, ao pasar de 10 bandeiras azuis ás 17 actuais, polo que se opta por un modelo de xestión externalizado que xa se aplica maioritariamente noutros importantes destinos turísticos.

O novo prego inclúe a anticipación do servizo, como todos os anos, en Areas, Silgar, Canelas e Montalvo, areais máis concorridos que contarán con socorristas desde o 15 de xuño ao 15 de setembro, mentres que nos trece areais restantes con bandeira azul o servizo estará operativo desde o 1 de xullo ao 31 de agosto en horario de 12 a 20 horas. Un total de 46 socorristas estarán repartidos polas 17 praias cando o servizo estea activo o próximo verán.

En canto ao equipamento, ás embarcacións e motos náuticas habituais, o servizo reforzarase cunha moto para as tarefas regulares de inspección, supervisión e control dos areais, así como un vehículo de intervención para o traslado de persoal nunha emerxencia. A dotación de material contempla, como mínimo, por cada módulo: Un desfibrilador, un equipo de férulas semirrígidas, balón ou botella de osíxeno medicinal, mochila de primeiros auxilios, balón autoinflable ou ventilador manual, máscaras de baixo e alto fluxo, collarín cervical, tensiómetro, termómetro, mantas térmicas, aos que se suman produtos e diferentes apósitos para curas ou golpes. Nas praias de Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Canelas deberán contar cunha cadeira anfibia para o baño de persoas con problemas de mobilidade, así como muletas anfibias.

Coa entrada en vigor da primeira ordenanza de praias en Sanxenxo, o prego recolle a realización de campañas de concienciación e coidado dos espazos naturais para dar cumprimento ao novo regulamento que deberá realizar a adxudicataria ao longo do verán para dar a coñecer a normativa.

A empresa adxudicataria deberá contar cunha ampla experiencia no sector de salvamento e socorrismo en medios naturais durante polo menos os últimos tres anos para garantir a mellor cobertura e profesionais posibles nas praias.

0
0
0
s2sdefault