Concello de Sanxenxo - O ALCALDE INICIA UNHA ROLDA DE CONTACTOS COAS ASOCIACIÓNS DE CADA PARROQUIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Telmo Martín acompañado dos concelleiros Paz Lago e Jaime Leiro iniciou os encontros esta semana en Vilalonga
 
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, realizará unha rolda de contactos conxuntos con colectivos das distintas parroquias para realizar un balance das actuacións, proxectos e xestións realizadas e as que quedan aínda pendentes para o que resta de mandato.  A primeira reunión tivo lugar esta mesma semana en Vilalonga e ao encontro asistiron representantes da Asociación de Veciños do Salnés, Anpa de O Cruceiro, Mulleres Rurais da Candelaria, Villalonga F.C., Club de Xubilados de Vilalonga, Asociación Cultural de Os Cruceiros, Comisión de Festas de San Pedro, Comisión de Festas de Gondar e Codesevi.
 
O alcalde repasou as actuacións levadas a cabo ata agora na parroquia como o colexio de O Revel no que se investiron máis de 6 millóns de euros. "Foi o maior investimento realizado por unha administración nun proxecto. É un colexio para moito tempo polo seu deseño e capacidade", explicou. Simultánea á construción do colexio realizouse a urbanización de O Revel e a renovación do campo de fútbol que acaba de obter o selo Fifa Quality.
 
Durante a reunión informóuselles de que proximamente se asinará o convenio para a cesión da edificación exterior no recinto da subestación eléctrica para a súa derriba e colocar unha marquesiña e mostráronselles os planos do proxecto da praza de Vilalonga realizado por Irene Campo, orzado en 795.000 euros, partida que xa se inclúe nos orzamentos de 2022.
 
O alcalde incidiu na importancia da recuperación da Ría de Arousa como revulsivo económico e xeración de emprego na parroquia. "Acaban de concedernos 700.000 euros para unha senda entre Os Pasales e A Fianteira e a mellora da Telleira que marcarán o inicio desta posta en valor", indicou.
 
O local social de Gondar é outro dos proxectos xa culminados e pendente de inaugurar. Martín explicou que se vai ceder o uso a través do regulamento municipal existente á comisión de festas de Gondar.
 
Outro dos puntos que se abordou foi a proposta de situar o novo club de xubilados no edificio máis novo e en bo estado de conservación do antigo colexio de O Cruceiro. Este edificio ten unha superficie construída de 2.300 metros cadrados, máis que o edificio do Pazo de Emilia Pardo Bazán (2.291m2) e o alcalde defendeu que é perfectamente compatible o uso social no baixo co de módulo de hostalaría. "Non tiramos os cartos, aproveitamos o equipamento en bo estado e gañamos tempo porque facer un novo levaría máis tempo", indicou.
0
0
0
s2sdefault