Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTARÁ EN 2022 CO SEU PRIMEIRO PLAN MUNICIPAL DE PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello tramita o documento que permitirá un control máis ordenado e eficiente das zonas sensibles a lumes forestais
 
Sanxenxo contará en 2022 co primeiro Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais. O proxecto foi elaborado pola empresa Seaga, ao amparo dun convenio que a empresa ten coa Xunta e coa Fegamp e ao que está adherido o Concello. Este convenio ten como obxectivo que todos os concellos galegos cumpran a lexislación autonómica en materia de prevención e defensa contra os incendios. Deste xeito, a Xunta de Galicia pon a disposición das entidades locais os servizos da empresa para elaborar os plans naqueles lugares onde aínda non se teñan, como era o caso do municipio de Sanxenxo.
 
O plan elaborado por Seaga foi remitido aos técnicos municipais para que realizasen as súas achegas e póidase aprobar de forma provisional e na Xunta, de forma definitiva. O documento contempla a creación de franxas secundarias, é dicir, áreas de seguridade que se separen 50 metros do límite xeográfico do núcleo rural, que deben estar libres de maleza e de especies pirófitas. "Este é un paso moi importante para poder cumprir coa lexislación vixente, podendo controlar moito mellor os límites das parcelas, de maneira ordenada e eficaz", explica o edil de Medio Ambiente, Juan Deza.
 
No plan analízase a actividade incendiaria por cada unha das sete parroquias durante dez anos (2008-2017) concluíndo que o risco potencial para o concello é alto e está declarado Zona de Alto Risco (TSAR). Durante este período, segundo datos da Consellería de Medio Rural, Sanxenxo presenta unha media de 7,50 incendios por ano e 1,43 hectáreas queimadas. O número total de incendios foron 75, sendo Vilalonga a parroquia que máis lumes rexistrou, 24.
 
Así, a maiores da franxa perimetral de 50 metros dos chans urbanos, de núcleo rural e urbanizable, xestionarase a biomasa ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques industriais situados a menos de 400 metros de monte.  Tamén ao redor de edificacións illadas destinadas ás persoas en chan rústico a máis de 400 metros do monte.
0
0
0
s2sdefault