Concello de Sanxenxo - URBANISMO DÁ LUZ VERDE A DÚAS NOVAS LICENZAS DE OBRA NO PARQUE EMPRESARIAL DE NANTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Na sesión aprobáronse os permisos para a execución dun tanatorio e dunha nave de servizos técnicos de construción
 
A comisión de Urbanismo acaba de dar luz verde hai uns días a dúas licenzas de obra para levar a cabo a construción dunha nave para servizos técnicos de construción e formación e outra para a edificación dun tanatorio. Ambas as construcións ocupan dúas parcelas do parque empresarial de 856 m2 e 1.444 m2, respectivamente. Ademais, tamén se concedeu unha licenza de primeira ocupación á firma de transformación de produtos do mar, envasado de mariscos en atmosfera protectora e pasteurización de refrixerados e conxelados cuxa nave se atopa construída en dúas parcelas que suman 4.132 m2.
 
Un total de 50 parcelas, do total de 261 dispoñibles para a actividade empresarial, xa están ocupadas. A maiores, o Concello dispón dunhas parcelas que suman 48.704 metros cadrados que se destinarán a equipamentos públicos, entre os que destacan as novas sedes da policía local, o servizo de emerxencias e os servizos de mantemento, parques e xardíns. Entre as empresas que xa están en funcionamento, construíndo as súas instalacións ou tramitando as súas licenzas suman unha superficie de 66.852 metros cadrados dos 351.750 metros cadrados que ten o parque para uso comercial. 
 
Sectores variados
O parque empresarial reúne polo menos seis actividades económicas distintas, pero os sectores que máis destacan por número e a superficie que ocupan son a alimentación e os materiais de construción, con seis empresas en cada un destes segmentos.
En alimentación destacan Mercadona con case 10.000 metros cadrados ocupados, séguenlle Eroski con 6.000 metros cadrados e Xesnova Global con 4.800 metros cadrados. No segmento dos materiais de construción hai empresas de carpintaría de madeira, carpintaría metálica, granitos, louza sanitaria e agora instalarase unha de servizos técnicos de construción.
Outro sector que destaca é o das enerxías renovables con Inelsa que dispón de dúas parcelas de 2.970 m2. Tamén existen outras actividades coas que contará o parque empresarial como un gran bazar, un tanatorio ou unha gasolineira.
 
 
0
0
0
s2sdefault