Concello de Sanxenxo - SANXENXO REXISTRA EN 2021, CON 411 TONELADAS, A MAIOR CIFRA DE RECOLLIDA DE ENVASES LIXEIROS DOS ÚLTIMOS 15 ANOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio conta cun total de 1.643 colectores repartidos en 645 illas de recollida selectiva de residuos

Sanxenxo segue incrementando as cifras de reciclaxe ano tras ano. A concienciación ambiental dos veciños unida ao incremento das illas de recollida selectiva no municipio está a dar os seus froitos. Durante 2021 e a pesar de estar en pandemia, Sanxenxo recolleu 411,50 toneladas de envases lixeiros, os que se depositan no colector amarelo. A mellor cifra dos últimos 15 anos. Só en xullo, agosto e setembro recolléronse 167,2 toneladas. Pero non só no verán, cabe lembrar que Sanxenxo se uniu o ano pasado á campaña "Únete ao reto" e logrou incrementar un 10% a recollida de envases do colector amarelo durante febreiro, marzo e abril respecto de 2020.

O vidro é o segundo residuo que mellor comportamento presenta nas estatísticas municipais con 623 toneladas recollidas durante o pasado ano. Trátase da segunda mellor cifra de vidro desde que se ten rexistro. Case a metade deste residuo, 299,5 toneladas, recolléronse durante xullo, agosto e setembro.

En canto á fracción resto, segue sendo a que presenta unha maior cantidade de residuo con 10.398 toneladas, 759 máis que as recollidas en 2020. Tamén nos meses de verán coincidindo co incremento de poboación contabilízanse as cifras máis altas. Respecto ao cartón, os datos mantéñense cun lixeiro descenso respecto ao ano pasado, pero supón a segunda mellor cifra con 573,80 toneladas.

Medios municipais
Sanxenxo conta cun total de 1.643 colectores repartidos en 645 illas de recollida. Segundo o tipo de residuos hai colectores de fracción/resto (899), envases lixeiros (342), papel ou cartón (167) e vidro (232). O municipio conta, ademais, cun punto limpo en Padriñán que durante o pasado ano recolleu 178,50 toneladas de voluminosos e cun Punto Limpo Móbil para a recollida selectiva de residuos de pequeno tamaño sen recollida convencional como pequenos electrodomésticos, pilas, tóners, baterías de teléfono, envases e residuos sólidos urbano. Ademais, previa cita telefónica conta cun servizo de recollida de voluminosos, de luns a venres e de 9 a 14 horas, no teléfono 638 240 885.

0
0
0
s2sdefault