Concello de Sanxenxo - DEPUTACIÓN E CONCELLO ASINAN O CONVENIO QUE PERMITIRÁ A "TRANSFORMACIÓN INTEGRAL" DO PAVILLÓN DE BALTAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación sairá a licitación por un orzamento de 1.071.431 euros

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que permitirá executar unha reforma completa do pavillón de Baltar. A actuación que se enmarca dentro do plan provincial ReacPon sairá a licitación por 1.071.431 euros, dos que o organismo provincial achegará 803.573 euros e o Concello, 267.858 euros.

O proxecto de reforma integral inclúe a colocación dunha nova pista de madeira de faia e a instalación de ventilación con renovación de aire do recinto en todos os espazos, mediante sistemas enerxéticos eficientes. A accesibilidade será outro dos puntos a tratar na actuación coa ampliación do corredor de distribución dos vestiarios, a colocación dun ascensor e dun novo tramo de escaleira complementario de apoio á evacuación do recinto en caso de emerxencia. A reforma prevé tamén a dotación dun espazo para conserxería, instalando un mostrador na zona de acceso.

Co obxectivo de mellorar o illamento térmico do pavillón, así como a iluminación natural interior prevese a colocación dunha sobrecuberta formada por unha chapa de aceiro prelacada con illamento térmico. Na fachada abriranse novos ocos, que permitirán dotar ao recinto tanto de iluminación como ventilación natural, facendo máis agradable o uso da instalación e mellorando as condicións lumínicas e de ventilación.

O proxecto presta especial interese á acústica do espazo con novos elementos construtivos adecuados para reducir a transmisión do ruído aéreo e de posibles impactos e vibracións das instalacións propias do edificio, así como para limitar o ruído reverberante. Tamén se contempla a dotación de novo mobiliario, concretamente dúas canastras motorizadas.

A presidenta da Deputación destacou as prestacións que terá o reformado pavillón e celebrou que o investimento se realice nun equipamento deportivo municipal. "Estou encantada de asinar estes convenios que permitirán contar case cun novo pavillón á altura do que a xente ten dereito. Vai ser un edificio sostible e avanzado que cumpre cos parámetros de accesibilidade e de aforro enerxético", afirmou. Na mesma liña, subliñou "os proxectos transformadores que están a levar os concellos da provincia. Teríamos que presentarnos a premios".

O alcalde de Sanxenxo indicou que o acordo posibilitará "unha transformación integral do pavillón de Baltar, unha instalación deportiva que ten case catro décadas e que, tras as obras, quedará como un equipamento novo". Martín lembrou outros importantes proxectos en marcha no municipio en colaboración coa Deputación de Pontevedra. "Coa axuda da Deputación estamos a transformar distintos espazos do municipio con proxectos como a humanización do viaria da Lanzada, a obra de mellora de seguridade na contorna do colexio e o mercado ou a actuación de seguridade viaria na estrada a Adina", destacou.

Na mesma liña, sinalou que "estamos encantados co trato con Sanxenxo tanto da Deputación de Pontevedra, como da Xunta de Galicia ou do goberno de España porque son conscientes de que Sanxenxo é uns dous motores da economía de Pontevedra e de Galicia".

0
0
0
s2sdefault