Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO ULTIMA O SEU V PLAN DE OPORTUNIDADES E PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O CIM programa distintas actividades ao longo do mes de febreiro que servirán como preludio á celebración do 8-M

O Concello de Sanxenxo terá nos próximos días o seu V Plan de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero que deberá ser aprobado en Pleno para a súa posta en marcha. Unha folla de ruta que marcará os pasos a seguir e as iniciativas que se deberán levar a cabo para lograr a igualdade transversal nos distintos departamentos do organismo local e, de igual modo, na poboación.

O IV Plan de Igualdade péchase tras catro anos de intensa actividade con charlas, cursos, talleres, formación, teatro e accións variadas coas que chegar a público de distintas idades, tanto infantil como xuvenil e adulto. Un total de 38 accións executadas que abren paso ao quinto plan coas seguintes propostas: Fomentar a incorporación da perspectiva de xénero nos procesos formativos, impulsar unha comisión técnica departamental, elaborar unha guía destinada ao persoal municipal, realización de campañas de sensibilización, potenciar o traballo coas familias a través de charlas de formación...

Durante o mes de febreiro, o Centro de Información á Muller programa actividades que servirán de preludio á celebración do Día Internacional da Muller o próximo 8 de marzo. Así, para o 18 de febreiro está prevista unha xornada de formación en autodefensa para estudiantado de Formación Profesional no IES de Vilalonga. Terá lugar ás 11:15 horas e unha duración de 3 horas. Durante esa mesma xornada e enfocado ao módulo de Mecánica de Vilalonga, está previsto un curso de formación sobre masculinidades.

A Policía Local de Sanxenxo recibirá formación para intervir en casos de violencia de xénero por parte da xuíza Paz Filgueira, titular do Xulgado de Violencia de Xénero en Lalín. Será o 21 de febreiro, ás 11 horas, nas dependencias municipais da Policía Local. Cabe lembrar que o Concello de Sanxenxo e a Subdelegación do Goberno de Pontevedra renovaron o ano pasado o protocolo de colaboración para a aplicación do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero, o coñecido como VioGén, en función do cal a Garda Civil e a Policía Local colaboran para a protección das vítimas. A vixencia deste acordo é de 4 anos prorrogables.

Todas estas actividades están financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

0
0
0
s2sdefault