Concello de Sanxenxo - SANXENXO ANTICIPARÁ O SERVIZO DE SOCORRISMO AO 15 DE XUÑO EN 6 PRAIAS E PROLONGARÁ O HORARIO EN SILGAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa Salvar, Formar e Socorrer S.L. foi proposta para a adxudicación da xestión do salvamento nos areais este verán

Sanxenxo anticipará o servizo de socorrismo ao 15 de xuño en seis praias este verán e prolongará unha hora o horario en Silgar. A externalización do servizo permitiu incluír no apartado de melloras do prego do contrato estas dúas condicións que a empresa Salvar, Formar e Socorrer, proposta para a adxudicación da xestión de salvamento, aceptou. Así, ás 4 praias xa habituais con socorristas a mediados de xuño (Areas, Silgar, Canelas e Montalvo) sumaranse outras dúas, aínda por decidir. Ademais, na praia de Silgar a apertura do servizo adiantarase ás 11:30 e estenderase ás 20:30 horas durante os meses de xullo e agosto.

En canto á oferta económica, Salvar, Formar e Socorrer realiza unha proposta lixeiramente inferior ao prezo de licitación, 1.329.833,69 euros (por 2 anos, 2022 e 2023) coa posibilidade de dous anos máis de prórroga.

Para vixiar as dezasete praias con bandeira azul do municipio, a empresa contratará a un total de 46 socorristas. En canto ao equipamento, ás embarcacións e motos náuticas habituais, o servizo reforzarase cunha moto para as tarefas regulares de inspección, supervisión e control dos areais e cun vehículo de intervención para o traslado de persoal nunha emerxencia.

A dotación de material contempla, como mínimo, por cada módulo, un desfibrilador, un equipo de férulas semirríxidas, balón ou botella de osíxeno medicinal, mochila de primeiros auxilios, balón autoinflable ou ventilador manual, máscaras de baixo e alto fluxo, collarín cervical, tensiómetro, termómetro, mantas térmicas e diferentes apósitos para curas ou golpes. Nas praias de Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Canelas contarán cunha cadeira anfibia para o baño de persoas con problemas de mobilidade, así como muletas anfibias.
Ademais, coa entrada en vigor da primeira ordenanza de praias en Sanxenxo, a adxudicataria deberá realizar campañas de concienciación e coidado dos espazos naturais.

0
0
0
s2sdefault