Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DECLARA CADUCAS AS LICENZAS DE DEZ ESTRUTURAS URBANÍSTICAS COMO PASO PREVIO Á SÚA DEMOLICIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de execución da obra expirou nalgúns casos hai máis de 30 anos provocando importantes problemas de seguridade e salubridade

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinou esta mesma mañá a caducidade de 10 licenzas de estruturas urbanísticas con obra xa iniciada, pero sen rematar. Esqueletos de cemento e formigón que ademais de xerar importantes casos de feísmo no municipio, provocan graves problemas de salubridade e seguridade. Unha situación coa que o goberno quere acabar e pola que iniciou unha revisión de todas estas estruturas que se atopan en distintos puntos do municipio.

Algúns dos propietarios destas estruturas obtiveron hai máis de 30 anos a licenza de obra, permiso que ten unha vixencia de tres anos, pero nunca chegaron a rematala. Tras a declaración de caducidade, os servizos xurídicos da Concellaría de Urbanismo, dirixida por Flavia Besada, continuarán coa incoación do expediente de reposición da legalidade que culminará na derriba da estrutura porque na maioría dos casos a adaptación ao plan vixente só sería posible cunha nova construción, previa licenza.

Na listaxe de licenzas de edificacións declaradas caducas atópase a dun hostal en Arra con licenza desde 1988, 12 vivendas adosadas en Soutullo (Noalla) de 2007, un conxunto de 5 edificacións en O Casal (Noalla) de 2008, un edificio de 32 vivendas na Revolta (Noalla) de 2007 e un edificio de tres plantas en Fonte de Ons (Noalla) de 2008.

Noutra fase atópase xa a coñecida edificación sen rematar da Rúa Progreso e que xerou importantes inconvenientes aos veciños lindeiros, ademais da mala imaxe que xera á entrada de Sanxenxo. A licenza está xa caducada e o seu expediente de reposición da legalidade xa moi avanzado. Esta será, probablemente, unha das primeiras en ser derrubada.

0
0
0
s2sdefault