Concello de Sanxenxo - NAUTA SANXENXO ACORDA SOLICITAR ORZAMENTO DA PRIMEIRA FASE DE "BATEA EN TERRA" COMO PASO PREVIO AO ENCARGO DO PROXECTO DE EXECUCIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Consello de Nauta Sanxenxo acordou onte solicitar o orzamento da primeira fase do proxecto Batea en Terra no porto de Sanxenxo: A conexión axardinada entre a Praza dos Barcos e a Praza do Mar. Na zona onde agora mesmo hai un sistema de bancadas crearase un suave talude axardinado, con especies autóctonas, que comunicará ambas as prazas, de forma accesible e eliminando o corte brusco e pendente que actualmente supón a bancada. Trátase do primeiro paso para facer realidade a remodelación da contorna portuaria de Sanxenxo.

O alcalde e presidente de Nauta, Telmo Martín, expuxo aos conselleiros que á espera da renovación da concesión de Nauta que conclúe en 2027 e que se prorrogaría ata 2047, o máis conveniente é ir acometendo o proxecto de Paredes e Pedrosa por fases. A esta primeira fase, seguiría a da remodelación das oficinas de Nauta; a terceira sería o edificio de "Batea en Terra" e na cuarta, a intervención xeral no edificio de Capitanía.

En todo caso, o proxecto financiarase en cada unha das fases con fondos propios de Nauta, así como achegas doutras administracións, sen que supoña custo algún aos veciños do municipio. E é que cabe lembrar que a actividade portuaria ao redor da lámina de auga supuxo en 2021 ingresos por 1,3 millóns de euros, case o 68 % do total, que excedeu os dous millóns de euros. O aparcadoiro ingresou 417.606 euros co tráfico e aluguer de estacionamentos nese mesmo período. O resto das achegas procede dos alugueres dos locais en réxime de concesión.

Durante o consello tamén se deu luz verde á creación dunha bolsa de traballadores para reforzar o servizo este verán nas oficinas de Nauta, mariñeiría e parking. Ademais, acordouse encargar aos servizos económicos da entidade un estudo de viabilidade para instalar a subministración de recarga eléctrica para coches no aparcadoiro de Nauta.

0
0
0
s2sdefault