Concello de Sanxenxo - O CONCELLO POTENCIARÁ A ALAMEDA E A SÚA FUNCIÓN COMO MIRADOIRO NA REMODELACIÓN DO CAMPO DE FESTAS DE DORRÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O actual palco será substituído por outro de menor tamaño que permita acoller actuacións sen tapar as vistas ao val e ao mar

O Concello de Sanxenxo xa dispón do proxecto que servirá para remodelar o campo de festas de Dorrón e que porá en valor este espazo emblemático na parroquia. A proposta que rolda os 175.000 euros potencia o valor paisaxístico e natural da contorna destacando a súa función como miradoiro sobre o val e a costa, e a súa alameda formada por carballos coa mellora dos espazos de estancia e descanso.

Dentro do novo espazo eliminarase o actual escenario e as escaleiras de acceso que serán substituídos por novas instalacións. O novo palco que se situará nunha das esquinas do campo estará soportado por un muro de bloque de formigón armado cunhas escaleiras de acceso de granito. A altura será de 2 metros e terá unha superficie en planta de 14 m2. A planta baixa habilitarase como almacén. O revestimento realizarase con granito gris e colocarase iluminación na parede exterior. Como elemento protector instalarase unha varanda de postes de madeira de piñeiro e protección de metacrilato con aceiro inoxidable. O fondo do palco contará co listonado e iluminación dispostos sobre o muro de formigón. Para actuacións de orquestras contémplase a posibilidade do pase dun camión espectáculo.

O espazo reordenarase mediante os pavimentos, respectando e enmarcando a posición das árbores. Así a zona de paseo estará enmarcada en granito gris mondariz execútase un paseo con lastro prefabricado de formigón en cor terracota. Ao fondo da praza se reserva a zona verde que co palco constituirá o pano de fondo da mesma. Deseñarase un axardinamento e disporase dun peto de pedra de protección no límite da parcela.

A iluminación proxectada incrústase no chan e tamén en báculos baixos para non entrar en conflito coa masa arbórea nin coa circulación de persoas ou vehículos á praza.

En canto ao mobiliario, está prevista a colocación de 2 novos bancos de bloque de granito e rematados cun enlistonado de resina imitación de madeira. O acabado repetirase nas bancadas que se limparán previamente antes de colocarlle as láminas de madeira. A balaustrada de granito actual limparase e rematarase cun novo tramo de 2,90 metros de lonxitude. Ao fondo da praza tamén se executará un tramo sobre o muro de 5,90 metros. Ambas as balaustradas profundarán no carácter miradoiro aproveitando as vistas e a altura do espazo.

0
0
0
s2sdefault