Concello de Sanxenxo - SANXENXO TRAMITA A SÚA PRIMEIRA ORDENANZA REGULADORA DE BIOMASA PARA REFORZAR A SEGURIDADE CONTRA INCENDIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O documento atópase en fase de consulta pública e deberá ser aprobado en Pleno

O Concello de Sanxenxo está a tramitar a súa primeira ordenanza reguladora de biomasa co obxectivo de reforzar a seguridade dos cidadáns fronte a incendios forestais e regular a distancia das plantacións en chan urbano urbanizable, núcleo rural e rede de faixa secundaria de biomasa. O texto atópase en fase de consulta pública e deberá ser aprobado en Pleno.

O texto establece dous tipos de criterios para a xestión dos terreos que deberán cumprir os seus propietarios:

  • En chans urbanos, núcleos rurais e chans urbanizables: Rozas para a eliminación do estrato herbáceo e arbustivo sempre que supoña un mínimo risco para a propagación de incendios incontrolados de vexetación ou que supoña un problema de salubridade pública. Tamén se propón a eliminación total do extracto arbóreo de crecemento rápido e unha distancia mínima de 7 metros entre plantas.
  • En rede secundaria da faixa de xestión de biomasa: A franxa de 0 a 2 metros deberá estar totalmente limpa de vexetación e de 2 a 50 metros, limpa de vexetación seca, herbáceas, vexetación arbustiva e vexetación arbórea de crecemento rápido tipo eucaliptos, acacias e piñeiros.

As infraccións administrativas sancionaranse con multas que irán desde os 750 euros en caso de infraccións leves aos 3.000 euros en casos graves ou reincidentes.

Esta ordenanza xunto ao primeiro Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais permitirán un control máis ordenado e eficiente das zonas sensibles a lumes forestais e urbanos. Neste sentido, o documento que se está tramitando actualmente para levar a cabo esta acción, foi elaborado pola empresa Seaga, ao amparo dun convenio entre a entidade, a Xunta de Galicia e a Fegamp, ao que está adherido o Concello de Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault