Concello de Sanxenxo - A XUÍZA TITULAR DO XULGADO DE VIOLENCIA DE XÉNERO, PAZ FILGUEIRA, DÁ UNHA CHARLA FORMATIVA Á POLICÍA LOCAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade, que durou tres horas, serviu para repasar os protocolos de actuación, novidades xurídicas e dúbidas nas intervencións

A maxistrada do Xulgado de Violencia de Xénero, Paz Filgueira, desprazouse onte a Sanxenxo para impartir unha charla formativa á Policía Local. A actividade á que asistiu a totalidade do persoal de axentes en activo serviu para repasar os protocolos de actuación, novidades xurídicas e dúbidas nas intervencións de casos de violencia de xénero. A charla que tivo unha duración de tres horas resultou "moi positiva e clarificadora" para os axentes que puideron homoxeneizar criterios e revisar os protocolos de actuación para facilitar a instrución do caso.

Filgueira é un referente na loita contra a violencia de xénero. Maxistrada xudicial desde hai máis de 21 anos, leva 9 anos exercendo no Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo e, actualmente, está destinada ao Xulgado de Violencia de xénero de Santiago. É tamén formadora da Delegación de Goberno e Xunta de Galicia en temas de violencia contra a muller.

O alcalde, Telmo Martín, acompañado dos concelleiros Daniel Arosa e Jaime Leiro, acudiron á clausura da actividade. Martín agradeceu a visita de Paz Filgueira e a formación ”pola experiencia e visión” que poida achegar sobre os casos de violencia de xénero.

Cabe lembrar que o Concello de Sanxenxo e a Subdelegación do Goberno de Pontevedra renovaron o ano pasado o protocolo de colaboración para a aplicación do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero, o coñecido como VioGén, en función do cal a Garda Civil e a Policía Local colaboran para a protección das vítimas. A vixencia deste acordo é de 4 anos prorrogables.

A actividade enmárcase dentro da programación do Centro de Información á Muller (CIM) previa á conmemoración do Día da Muller que terá lugar o próximo 8 de marzo. A actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

0
0
0
s2sdefault