Concello de Sanxenxo - ARRINCAN AS OBRAS DE MELLORA DA RÚA UNIÓN E TRANSVERSAIS COS TRABALLOS DE CANALIZACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Problemas coa subministración de material atrasou o inicio da actuación

A empresa Narom S.L. adxudicataria da mellora da Rúa Unión e os viarios transversais iniciou a obra cos traballos de canalización e saneamento. A actuación que será financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra ten un custo de 287.277 euros e un prazo de execución de 6 meses. A obra comezou máis tarde do previsto debido a problemas coa subministración de materiais.
O obxectivo desta actuación é mellorar toda a contorna, a base de pavimentos de pedra, dotación de servizos, nova iluminación e introducir zonas de axardinamento para converter este espazo nunha zona atractiva e recuperable para a vida urbana. Os viarios interiores da mazá de vivendas, situadas na parte posterior do edificio do Concello, atópanse moi deteriorados, con pavimentos de formigón en masa e lousas de cemento, moi deteriorados, con mala iluminación e deficiencia nos servizos.

Para o novo pavimento utilizaranse laxas de granito con acabado abuxardado sobre soleira de formigón e escaleiras de granito macizo. Para a recollida de augas pluviais nas zonas baixas do espazo público, instálanse canaletas con reixa, así como rede de pluviais que se conectarán a diferentes rúas adxacentes, segundo as pendentes de evacuación.

Instalarase unha nova iluminación, que permita unha mellora da iluminación actual que é moi deficiente, con luminarias tipo led de aluminio coas que se logrará unha maior eficiencia enerxética.

Así mesmo, colocaranse en distintos puntos macetas de diferentes cores que permitirán un axardinamento da zona con variadas especies arbustivas e plantas. Este importante tratamento vexetal da zona axudará a mellorar a imaxe desta contorna. Tamén está prevista a colocación de papeleiras e bancos.

0
0
0
s2sdefault