Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONSOLIDA A LIMPEZA NOS ASEOS DE PRAIAS CADA HORA E MEDIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Consello de Turismo adxudicou o servizo de socorrismo á empresa Salvar, Formar e Socorrer

Os aseos das praias de Sanxenxo volveranse a limpar un verán máis cada hora e media para garantir a máxima hixiene nestes espazos. Unha esixencia que se iniciou o primeiro verán de pandemia e que o goberno considerou que debe quedar para seguir situando ao municipio como un destino seguro e ofrecer un plus de calidade no servizo de praias. Os módulos de aseos volverán contar tamén con xel desinfectante e unha cobertura a "todo risco" que cubrirá calquera dano ou avaría. O Consello de Turismo deu luz verde o pasado venres á licitación do acondicionamento de praias por case 50.000 euros e a limpeza e mantemento dos baños en 15 areais por 64.995 euros.

Outro dos contratos importantes para a tempada estival que se tratou na sesión foi a adxudicación do servizo de socorrismo á empresa Salvar, formar e socorrer durante dous anos por 1,3 millóns de euros. Para vixiar as dezasete praias con bandeira azul do municipio, a empresa contará cun persoal de 70 persoas entre socorristas e sanitarios. Ademais, este verán como novidade, ás catro praias xa habituais con socorristas a mediados de xuño (Areas, Silgar, Canelas e Montalvo) sumaranse outras dúas, aínda por decidir. Na praia de Silgar a apertura do servizo adiantarase media hora, ás 11.30, e estenderase trinta minutos máis, ata as 20.30 horas, pero só durante os dous meses de maior afluencia, os de xullo e agosto.

Na sesión tamén se trataron as prórrogas das concesións de servizos en tempada en praias e do resto de actividades náuticas que se practican nos areais. Baltar volverá contar co parque acuático inchable e as pistas deportivas que tiveron un gran éxito durante o ano pasado cando se estrearon. Os quioscos manterán este verán o salto de calidade tanto no confort como na estética das súas instalacións nas praias.

O goberno anticípase e prevé ter adxudicados os servizos de praias para este verán antes de Semana Santa.

0
0
0
s2sdefault