Concello de Sanxenxo - O ALCALDE E A CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN RECIBEN Á VILALONGUESA EVA GONZÁLEZ QUE OBTIVO A SEGUNDA MELLOR NOTA DO MIR DE RADIOFÍSICA DE ESPAÑA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Na súa especialidade presentáronse 251 físicos para 40 prazas dispoñibles. Agora deberá decidir antes do 26 de abril onde se formará como residente: Galicia, Canarias, Valencia ou Granada

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Paz Lago, recibiron esta mañá á vilalonguesa Eva González que obtivo a segunda mellor nota do MIR de RadioFísico Interno Residente en España e a primeira de Galicia. "É un orgullo para Sanxenxo ter unha moza coma ti no noso municipio e desexámoste toda a sorte nun futuro laboral que seguro estará cheo de éxitos e que, no caso da túa especialidade, axudarán a salvar vidas", asegurou o rexedor.

E foi precisamente esa motivación, axudar a outras persoas, o que fixo que Eva González centrase a súa especialidade en Radiofísica. "Co cancro do meu avó descubrín unha aplicación práctica do que eu estaba estudando e dinme conta da importancia que podía ter no tratamento de medicina nuclear e radioterapia", explica. Agradecida co recoñecemento que está a recibir tanto por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como desde o Concello de Sanxenxo, Eva González, que se fixo co segundo posto de 40 prazas dispoñibles, deberá decidir se se formará como residente en Galicia, Canarias, Valencia ou Granada. "Para min é unha honra que me recibades e recoñazades o meu esforzo e traballo académico", sinalou.

Eva González estudou no CEIP O Cruceiro e o IES De Vilalonga onde se lle espertou o seu interese pola física. "Sempre fun aplicada, a verdade, e responsable cos estudos", recoñece. Tras aprobar con bos resultados cada curso de carreira, licenciouse na Universidade de Santiago en xullo de 2021. En setembro, iniciou a súa preparación do MIR, en xaneiro presentouse e en febreiro, a través dunha amiga, soubo o excelente resultado nas probas. "Chamoume unha amiga para felicitarme e así me enterei. Foi unha sorpresa porque non saíra contenta da proba", explica.

0
0
0
s2sdefault