Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ENCARGA O PROXECTO DEFINITIVO DE POSTA EN VALOR DA TELLEIRA E DA SENDA ENTRE A FIANTEIRA E OS PASALES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


A posta en valor do Centro de Interpretación da Telleira e a recuperación paisaxística da senda entre A Fianteira e Os Pasales marcará o inicio da recuperación prevista da fachada marítima da Ría de Arousa. O goberno prevé iniciar esta primeira fase cunha partida de 557.000 euros dos fondos europeos Next Generation e xa encargou o proxecto definitivo co obxectivo de iniciar este mesmo ano a actuación que axudará a descentralizar a actividade turística e enriquecer a oferta. Un arquitecto local, Jose Antonio Sueiro, asumirá a redacción do proxecto seguindo as directrices marcadas no anteproxecto presentado á axuda europea.

No Centro de interpretación da Telleira proxéctase a mellora da estrutura do edificio, unha redistribución dos espazos e un equipamento que seguirá os estándares de sustentabilidade e eficiencia enerxética que contribuirá á integración na contorna natural onde se sitúa. O obxectivo é que A Telleira se converta nun centro de difusión dos valores ecolóxicos e etnográficos de toda a zona que fomente o turismo ambiental e ornitolóxico, especialmente nos meses de outono e inverno cando máis de 200 especies de aves elixen este humidal, incluído no convenio Ramsar, para invernar.

E é, precisamente, coa finalidade de potenciar a protección desta contorna e convertela no centro da actividade ambiental pola que se trasladará a estas instalacións, dotadas coas últimas tecnoloxías dixitais, a sede da Concellaría de Medio Ambiente. O Banco de Alimentos do Salnés, actualmente nesta localización, trasladarase ao antigo edificio do mercado de Vilalonga previo ao seu acondicionamento para continuar prestando os seus servizos. No exterior contémplase a mellora da degradada contorna e da accesibilidade. O goberno prevé un investimento total no Centro de Interpretación da Telleira de 457.000 euros.

O acondicionamento da senda da Fianteira e Os Pasales, na que se prevé un investimento de 110.000 euros, marcará cunha distancia de 2,5 quilómetros o inicio dunha ruta que alcanzará os 8 quilómetros na seguinte fase e coa que se bordeará o municipio bañado pola Ría de Arousa. Prevese a instalación de miradoiros e elementos experienciales que enriquecerán a visita e as sinerxías co territorio de extraordinaria riqueza biolóxica.

0
0
0
s2sdefault